Virada retoma as actividades no mar para salvar ás toniñas e aos arroaces

Logo da paréntese motivada pola pandemia de COVID-19 estanse a retomar unha boa parte dos traballos de preservación medio-ambiental que se estaban a desenvolver na nosa contorna, é o caso do Proxecto Virada, impulsado pola plataforma CEMMA para o estudo e conservación dos mamíferos mariños, xunto con outras entidades galegas e estatais, co obxectivo de reducir a mortalidade de mamíferos mariños por captura accidental en artes de pesca, poñendo o foco na toniña (Phocoena phocoena) e o arroaz (Tursiops truncatus) en áreas Rede Natura 2000 de Galicia, dúas especies en risco nas nosas augas, sobre todo a primeira, que, segundo estudos recentes, desaparecía do litoral galego nun prazo de dúas décadas se non se toman medidas eficaces ao respecto.

Os traballos de Virada estiveron paralizados ao longo dos últimos tres meses, malia que a previsión, antes da pandemia, era traballar arreo na ría de Arousa ao longo deste ano.

Agora, estanse a reiniciar os contactos co sector pesqueiro e a realizar os primeiros embarques a bordo dos barcos de pesca, comezando polo porto de Baiona e logo desprazándose a peiraos máis situados ao norte e máis preto da nosa comarca.

Orzamento

O proxecto conta cun orzamento total de 85.021,60 €, e obtivo a máxima valoración na resolución da Convocatoria Pleamar 2019, ocupando o primeiro posto dun total de 87 proxectos presentados. Está integrado no LIFE IP Intemares, o maior proxecto de conservación de fauna mariña que se está a desenvolver nestes momentos en Europa.

Obxectivos concretos

O obxectivo concreto de Virada é “contribuír á protección da biodiversidade mariña e á sustentabilidade da pesca mediante a redución das capturas accidentais de cetáceos, en colaboración co sector pesqueiro”. Tamén se pretende afondar no coñecemento da interacción cetáceos-pesca e o esforzo pesqueiro que se aplica nas áreas Rede Natura 2000 das Rías Baixas, como primeira medida para poder avaliar os efectos negativos (capturas accidentais) da actividade pesqueira sobre o medio mariño. Outro dos obxectivos específicos é avaliar a magnitude do impacto da mortalidade por captura accidental en artes de pesca sobre as ditas poboacións.

A orixe da iniciativa está na necesidade atallar unhas taxas dramáticas de desaparición nas nosas costas das devanditas especies. Como dixemos, os datos recopilados pola CEMMA na costa de Galicia ao longo dos últimos 30 anos, son nas súas palabras “demoledores”: cada ano aparecen varados unha media de 285 cetáceos, a metade deles mortos por captura accidental en artes de pesca.