
Este venres 5 de xuño celebramos unha gran xornada para reivindicar, reflexionar e, sobre todo, para mudar os nosos hábitos de vida cara a modelos máis sustentábeis e limpos: o Día Mundial do Medio Ambiente. Na nosa comarca levaranse a cabo actividades para conmemorar a xornada, aínda que por mor da actual situación sanitaria apostarán por formatos controlados e non multitudinarios. Esta é a fórmula da celebración programada en Ribeira, da man de activistas do concello integrados no Movemento Galego polo Clima e Verdegaia, que participarán na praza do Concello “nunha acción simple, descentralizada e segura”, semellante á que están programadas para outros puntos da xeografía galega e do Estado. Será un acto “pola xustiza social e ambiental”. A concentración de Ribeira, que non se fixo pública e que terá un número máximo de asistentes, celebrarase na praza do Consistorio ás 20.30 horas.
Na xuntanza, a comunidade local do Movemento polo Clima e Verdegaia reclamará “unha transformación xusta, que free a desigualdade social, que poña fin ao incremento da temperatura global, que remate coa exclusión das persoas, que garanta unha sanidade pública e unhas condicións de vida dignas”.
Tamén buscarán apelar á xustiza social e global e farán unha proclama firme contra a xenofobia e o racismo estrutural, alimentados de continuo “pelos discursos de odio e pelos silencios cómplices que os acompañan”. As organizacións lembran que “agora máis ca nunca, trala experiencia vivida pola situación de alarma sanitaria, debemos ser conscientes e actuar en consecuencia a prol do coidado do noso entorno”. Ante nós, recordan, “temos desafíos de gran magnitude”, que son a emerxencia climática e ecolóxica, o esgotamento dos recursos naturais e o incremento das desigualdades sociais”.
Segundo apuntan, o Estado de Alarma guindounos unhas cantas ideas de valor e serviunos para ver que é posíbel convocar a toda a sociedade de maneira activa para un obxectivo común. O confinamento, sosteñen, tamén mostrou efectos moi positivos para a biodiversidade galega e parámetros de calidade ambiental, como a diminución da contaminación atmosférica, “ao tempo que nos fixo máis conscientes de cales son as nosas actividades e accións cotiás que contribúen a degradar o medio natural, con forte impacto para a biodiversidade e tamén para a nosa saúde, pois inevitablemente acaba repercutindo nas nosas vidas”.