Ribeira subvencionará a participación da rapazada nos campamentos impulsados por empresas locais

18 Xuño 2020

O Concello de Ribeira anunciou este xoves 18 unha importante medida para aliviar as responsabilidades das familias durante os vindeiros meses, unha carga que se viu agravada dende o inicio do Estado de Alarma coa cancelación da actividade escolar e co confinamento (sen que existise a posibilidade de buscaren axuda, as nais e os pais, noutros membros do núcleo familiar). Favorecer a conciliación laboral e familiar dentro do municipio “ao tempo que se bota unha man ás empresas locais de ocio infantil en tan difíciles circunstancias” é o gran obxectivo da iniciativa presentada este xoves pola concelleira de Cultura, María Sampedro. Trátase de bonificar a participación de nenos e nenas do municipio en campamentos de verán lanzados pola iniciativa privada de Ribeira.

A Concelleira de Cultura, María Sampedro, deu a coñecer esta fórmula que substitúe de maneira excepcional a metodoloxía habitual dos campamentos municipais, cuxos trámites quedaron paralizados pola irrupción da pandemia. Como alternativa, por medio duns bonos de conciliación o Concello subvencionará con 100 euros por alumno e mes (xullo e agosto) aos participantes en campamentos cuxos dous proxenitores (ou proxenitor se son familias monoparentais) traballen, mentres que no resto dos supostos esta rebaixa será de 50 euros ao mes.

Preinscrición

A Concellería de Cultura abrirá o vindeiro luns 22 de xuño un prazo de preinscrición no Centro Cultural Lustres Rivas para que os interesados poidan anotar aos seus fillos e fillas ademais de deixar constancia da antedita situación laboral. Sampedro engadiu que haberá vantaxes extra no caso se seren empregados servizos locais: “Concederanse facilidades para que, de ser necesario, se utilicen instalacións municipais no desenvolvemento destes campamentos, incluso nas parroquias”. A respecto do devandito fixo saber que unha das empresas coas que se contactou vai programar o seu campamento no pavillón de Palmeira, en tanto que a Asociación TDAH levará a cabo un campamento propio na casa de cultura de Aguiño.

Escolas de surf

Outra das iniciativas das que informou María Sampedro ten que ver coas escolas municipais de surf, windsurf e paddle surf, que este verán asume a Concellería de Cultura xunto con Deportes, incrementando o número de prazas. Neste senso, as prazas de surf pasarán de 70 a 100 nunha escola que este ano será desenvolvida Grip Surf School, con base en Corrubedo; e as de windsurf e paddle surf de 40 a 60 prazas en total, correndo a cargo nesta ocasión de Geckos Surf & Sup School, con sede en Ribeira.

Sampedro avanzou que “en próximas datas informará doutras iniciativas nas que se está traballando co mesmo obxectivo de ofrecer alternativas de ocio para a infancia e mocidade do municipio durante a época estival”.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...