Varios profesionais do mar que faenan na Ría de Muros-Noia levan varios meses avistando un arroaz solitario nestas augas galega.
Se ben é certo que a presenza de exemplares de Tursiops truncatus non é un feito peculiar, posto que resulta habitual atoparse cos arroaces nas rías en calquera época do ano, o novidoso desta situación é que se trata dun arroaz solitario, pois este comportamento non é frecuente entre os arroaces, xa que adoitan convivir en mandas de 15 exemplares de media.
A soidade deste exemplar pode deberse a que en ocasións estes exemplares non son aceptados nas mandas e se reclúen ata atopar outros individuos das súas mesmas características.
A situación de illamento do arroaz da ría de Muros-Noia, e a súa soidade, fai que aumente a súa curiosidade polas actividades humanas, pero cómpre ter en conta que se trata dun animal silvestre, e non dunha mascota, polo que se non debe molestarse ao animal evitando en todo momento interactuar con el.
Así, recoméndase non ofrecerlle nunca comida, non meterse intencionadamente na auga ao seu carón nin entrar -deliberadamente- no seu radio de contacto. No caso de estar na auga, debese evitar tocalo nin aproximarlle as mans.
É necesario respectar sempre as súas áreas de descanso e no caso de detectar un comportamento incómodo pola súa parte, débese saír da auga e afastarse do seu contacto. No caso de estar nunha embarcación no momento do avistamento, non debemos aproximarnos nin interromper o seu comportamento, recoméndase adoptar unha posición neutral e indiferente si se achega o animal. Tamén é recomendable manter o mesmo rumbo e velocidade e evitar cambiar de dirección ou velocidade, de xeito brusco. Se o animal está situado á popa da embarcación, non debemos dar aceleróns.
Este avistamento non é o primeiro que se rexistra en Galicia, senón que houbo varios casos de arroaces solitarios en Galicia. O de máis sona, que non o último, foi o dun arroaz que estivo nas costas galegas dende o ano 2007 ao 2010, sendo observado por última vez nas inmediacións das illas Lobeiras, sen que ninguén soubese do seu paradoiro.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantén este tipo de tarefas de seguimento deste exemplares mariños dentro das tarefas que se realizan ao abeiro do marco do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Asociación CEMMA.
Excéntricas leva a Noia “O auto de Castromil” (este sábado no Noela)
A obra O auto do Castromil de Producións Teatrais Excéntricas e escrita por Manuel María vai facer unha parada en Noia este sábado 14 de decembro ás 20:30 horas, no Coliseo Noela. As entradas están dispoñibles en ATaquilla.com e segundo confirmou o Concello (Área de...