Este martes 26 achegáronse datos concretos sobre o proxecto para rehabilitar enerxeticamente o CEIP Plurilingüe de Palmeira, en Ribeira. O encargado de subministrar a información foi o delegado territorial da Coruña, Ovidio Rodeiro, que mantivo pola mañá unha vídeo-conferencia co alcalde Manuel Ruíz e con representantes da directiva do colexio e da Anpa. Segundo fixo saber, a Consellería de Educación vén de publicar na plataforma Contratos de Galicia a adxudicación da rehabilitación enerxética do por un importe de 576.767,71 €.
Segundo detallou, a actuación centrarase en mellorar a eficiencia enerxética do centro mediante a aplicación de illamento exterior continuo tipo SATE de poliestireno expandido EPS, a substitución das das actuais fiestras por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e a instalación de luminarias de alta eficiencia enerxética.
Substituiranse tamén as actuais persianas, coas súas caixas e mecanismos para accionalas, por unhas novas de lamas de aluminio inxectadas con espuma de poliuretano para mellora do seu illamento térmico. “Todas estas medidas combinadas supoñen un aforro enerxético anual do 39,57% en consumo de enerxía primaria e do 41,88% en emisións de CO2”, sinalou o delegado territorial, engadindo que, a maiores, habilitaranse falsos teitos cun sistema rexistrábel de paneis acústicos autoportantes de la de roca en aulas, amais de colocarse pavimento vinílico e repararse e pintarse os paramento interiores.
Segundo as previsións que manexa a Consellería, as obras realizaranse no verán es estarán listas para o inicio do curso escolar. Os traballos teñen un prazo de execución de 2,5 meses.