A oferta do sistema universitario galego para o curso 2020/21 incorpora 3 novos títulos de grao e os 3 primeiros graos abertos

05 Maio 2020

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de rexistrar na aplicación informática do Ministerio de Universidades a proposta de oferta de prazas de novo ingreso en títulos oficiais de grao e máster para as universidades galegas cara o curso académico 2020/2021, unha oferta que foi consensuada coas vicerreitorías de Titulacións das tres universidades galegas en reunións celebradas nas últimas semanas.

Como principais novidades, o Sistema Universitario de Galicia (SUG) incorporará o vindeiro curso tres novos títulos de grao e os seus tres primeiros graos abertos. En total ofertaranse 11.483 prazas en titulacións de grao (143 máis ca no actual curso) e 5.151 nas de máster (20 máis ca este ano académico).

Graos abertos

O curso 2020/2021 será o primeiro no que o SUG oferte graos abertos, en concreto o de Ciencias Sociais e Xurídicas (Universidade da Coruña, Campus da Coruña, 10 prazas), o de Enxeñaría Industrial (Universidade da Coruña, Campus de Ferrol, 8 prazas) e o grao aberto 5USC Enxeñarías (Universidade de Santiago de Compostela, Campus de Lugo, 10 prazas).

Os graos abertos deben combinar materias de, como mínimo, tres graos da mesma rama de coñecemento, e o número de prazas máximo que poden ofertar é 25. As universidades deben garantir que o alumnado matriculado nestes programas poidan cursar un máximo de 90 créditos; ofrecerlles un proceso continuo de titorización e mentorización; e recoñecerlles a maioría dos créditos cursados no grao finalmente elixido.

O obxectivo desta iniciativa novidosa é ampliar as posibilidades de elección do alumnado ao tempo que se pretende reducir as taxas de abandono ou de cambio de estudos nos primeiros anos de vida universitaria.

Novas titulacións

A oferta de prazas rexistrada no Ministerio inclúe, ademais, tres novos títulos de grao, seguindo o establecido no Mapa de Titulacións. Trátase dos graos en Empresa e Tecnoloxía (Universidade de Santiago de Compostela, Campus de Lugo, 45 prazas), en Bioquímica (Universidade de Santiago de Compostela, Campus de Lugo, 45 prazas) e en Nanociencia e Nanotecnoloxía (Universidade da Coruña, Campus da Coruña, 50 prazas).

Así mesmo, súmanse á oferta do SUG catro novos programas de simultaneidade de grao, todos eles na Universidades de Vigo. Serán o de ADE e Enxeñaría Informática (Campus de Ourense), Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática (Campus de Vigo), Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría Mecánica (Campus de Vigo) e Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática (Campus de Vigo).

Asemade, os estudantes poderán cursar 6 novas titulacións de máster, en concreto en Dereito Dixital e da Intelixencia Artificial (UDC, Campus da Coruña), en Dirección e Innovación da Supply Chain (UVigo, Campus de Vigo), en Industria 4.0 (UVigo, Campus de Vigo), en Informática Industrial e Robótica (UDC, Campus da Coruña), en Nanociencia e Nanotecnoloxía (USC-UVigo, nos campus de Santiago de Compostela e de Vigo) e en Visión por Computador (USC-UDC-UVigo, nos campus de Santiago, A Coruña e Vigo).

Outras modificacións

Entre outras modificacións, dous graos xa existentes aumentan a súa oferta: o de Logopedia, no Campus da Coruña, con 5 prazas máis; e o de Enxeñaría Informática, no Campus de Ourense, con 15 prazas máis.

Por outra banda, outras titulacións de grao diminúen a súa oferta debido á sobreoferta estrutural no sistema universitario. Trátase de Relacións Laborais e Recursos Humanos (Campus da Coruña, 5 prazas menos), Enxeñaría Eléctrica (Campus de Ferrol, 5 prazas menos), ADE (Campus de Lugo, 10 prazas menos), e Paisaxe (Campus de Lugo, 5 prazas menos). Ademais, a Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo aposta por axustar a oferta dos seus graos ao múltiplo de 10, o que supón unha diminución de 13 prazas no seu conxunto.

Máster en Enxeñaría Aeronáutica

No referido ao Máster en Enxeñaría Aeronáutica, que estaba previsto que se comezara a ofertar o próximo curso no Campus de Ourense, finalmente non se implantará, dado que a Universidade de Vigo non solicitou prazas nin colgou a memoria da titulación para que sexa avaliada e verificada.

Tendo en conta que o 4 de maio remataba o período de gravación das solicitudes de prazas na aplicación do Ministerio e que o protocolo de boas prácticas esixe que se demanden prazas unicamente de títulos xa verificados, non é posible ofertar esta titulación o curso que vén. Así o advertira xa o pasado xaneiro a Consellería de Educación, cando instou á Universidade de Vigo a inserir a memoria do máster na aplicación do Ministerio para que puidese ser verificada a tempo.

En calquera caso tanto a Universidade de Vigo como á da Coruña amosaron a súa disposición para traballar e poder ofertar a titulación no curso 2021/2022.

Outros artigos

Este sábado 12 comezan as Festas do Carme de Cabo de Cruz

Esta fin de semana e boa parte da semana que vén celébranse en Cabo de Cruz (Boiro) as Festas do Carme edición 2025, unhas celebracións na honra da patroa da xente do mar, a Virxe do Carme, que xunta actividades relixiosas, culturais e festeiras e que este ano vén cun...

+

Publicidade

Castiñeiras

Revista en papel

Opinión

“Virginio Fuentes Martínez” – Xosé González Martínez

“Virginio Fuentes Martínez” – Xosé González Martínez

En certa ocasión alguén con boas intencións presentoulle o Gobernador Civil de Lugo, un personaxe de ortodoxo perfil franquista, ao escritor Ánxel Fole. O noso gran escritor, tendeulle a man como se adoita facer cando non temos simpatía pola persoa presentada, ao...

“Cuando hacer el bien, genera tragedia” – Manuel Domínguez

“Cuando hacer el bien, genera tragedia” – Manuel Domínguez

Muchas veces el silencio mata. Han sido muchos los que en la II guerra, salvaron del holocausto a muchas vidas judías, Schindler, el español conocido como ángel de Budapest, Wallenberg, o el portugués Sousa Méndes. Todos ellos hacían el bien, por el bien, por...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.