O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, vén de dirixir un escrito ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, solicitándolle que a entidade provincial facilite a xestión do pago en relación ao Imposto de Bens Inmobles (IBI) e o Imposto de Actividades Económicas (IAE), co fin de “contrarrestar os negativos efectos económicos que provocará o presente Estado de Alarma por mor da pandemia de coronavirus”. Segundo lle solicita o rexedor ribeirense, cómpre variar o actual calendario do contribuínte do ano 2020 da Deputación, no que se determina que o período de recadación voluntaria levarase a cabo entre o 1 de setembro e o 20 de novembro para os dous ditos impostos. Manuel Ruiz convida á entidade provincial a introducir “un aprazamento de tres meses” no pago destas taxas de maneira que o “período voluntario de pago abranguería do 1 de setembro ao 20 de febreiro do ano seguinte”.
Así mesmo, no caso do IBI o alcance ribeirense pide introducir “unha meirande flexibilidade no pago dos recibos”, de maneira que se permita o fraccionamento do pago en tres prazos e sen intereses para os recibos domiciliados.
Por outra banda, para mitigar os efectos negativos que o adiamento destes impostos pode ter no propio funcionamento e operatividade da Deputación, o Concello de Ribeira propón unha redución nas entregas a conta, tal e como estaría disposto a asumir o Goberno local segundo se plasmou na Comisión Municipal de Seguimento da Evolución do COVID-19 na súa sesión deste xoves 16 de abril.
Levantamento da suspensión das contratacións
Tamén na mesma sesión deste xoves acordouse solicitar ás administracións competentes “o levantamento da suspensión dos procedementos administrativos de contratación, máxime cando empresas como as de obras públicas xa reiniciaron a súa actividade”.
Noutra orde de cousas, informouse na comisión deste 16 de abril do remate do reparto de máscaras de protección en Corrubedo, comezando esta mesma tarefa pola parroquia de Olveira por parte de membros do GAEM e Protección Civil.