O PSdeG-PSOE de Ribeira vén de lanzar unha serie de propostas para contribuír á reactivación do sector produtivo local unha vez sexa posíbel volver a unha situación normalizada, logo do Estado de Alarma decretado para frear a pandemia a nivel estatal. Trátase, máis polo miúdo, de impulsar un plan de dinamización comercial que, segundo informa a agrupación, debe ser deseñado e desenvolvido polo Concello xunto co resto de axentes implicados na economía do concello, para que “sexa de todos e para todos”. Seguindo este fío, os socialistas solicitan que se abra un período de análise, debate e contribucións.
O plan, que tería o maior orzamento permitido polas finanzas municipais e debera ser, indican, de “investimento público e privado”, tería que conter un conxunto de medidas que van “dende a promoción da cidade en todos os medios (prensa, radio, televisión, redes sociais, e mobiliario urbano), a diferentes accións de dinamización comercial en todas as parroquias e áreas comerciais de Ribeira”, informan os integrantes do PSOE local, que tamén suxiren a creación de novos instrumentos de compra como, por exemplo, a creación dunha tarxeta Bonotenda, a posta en marcha de ferramentas tecnolóxicas que permitan unha maior interacción entre o comercio e o consumidor, a creación do Vermú Ribeira, ou o financiamento mediante garantías (ou outros instrumentos económicos) para que as empresas poidan facer fronte aos seus gastos máis urxentes.
Catro eixes
O plan estaría estruturado en catro eixes: Imaxe da cidade, Iniciación de actividades comerciais de promoción da hostalería, Accións dirixidas a aumentar a relación entre o consumidor e o comercio e Iniciativas para financiamento das empresas.
A maiores, “pensando en que a situación parece prolongarse por un tempo máis longo”, os socialistas defenden a conveniencia de “establecer medidas de transición para manter a baixa actividade comercial, artellando un servizo de entrega a domicilio que tería aos maiores como principais beneficiarios, e as familias máis vulnerábeis da cidade”.
Os socialistas engaden que o sector servizos en Ribeira é “un gran xerador de emprego”, polo que o plan, explican, tería que estar sostido sobre a unidade do sector, “para superar esta crise que nos sorprendeu a todos, e contra a que debemos loitar todos unidos, e en coordinación técnica, orzamentaria e de xestión”.
Novo emprazamento para o mercadiño dos sábados
En termos máis concretos, os socialistas tamén solicitan que “vista a actitude que Portos de Galicia mantén con Ribeira” o Concello considere o traslado do Mercado semanal do sábado “a un emprazamento menos oneroso as arcas municipais”, por exemplo o eixo da rúa de Galicia situado entre as prazas de Compostela e a praza de España, cos cruzamentos transversais de Rosalía de Castro e a zona da praza do Rueiro. Neste punto, os socialistas destacan que a concentración nas rúas céntricas do mercadiño dos sábados deixaría despexada a explanada do porto para estacionar.
Por outra banda, o PSOE ribeirense pide ao Concello “habilitar unha dependencia, dotada dos recursos materiais e humanos necesarios, para que faga funcións de asesoramento e tramitación das xestións de centos de empresas afectadas por esta situación dramática, como tramites de centos de ERTE ou cesamentos da actividade empresarial, ao mesmo tempo manter unha estreita colaboración coas mutuas e a seguridade social, e informar ás empresas sobre os novos instrumentos de financiamento empresarial, que se están a por en marcha desde a crise sanitaria”.