
A Asociación Boirense de Empresarios (ABE) vén de informar de que xa se coñece o nome da persoa gañadora do certame Morriña de Ti, que, como lembraremos, iniciouse este mes de abril (en Boiro en dúas ducias de concellos máis) co obxectivo de facer fronte común arredor do comercio local e, tamén, preparar o terreo da recuperación económica para cando a situación do Estado de Alarma se desactive.
A gañadora boirense da campaña, Lida Belles, compartiu o seu desexo de poder apoiar ao comercio local “con saúde e alegría, e mercar agasallos para familiares e amigos/as”. O sorteo levouse a cabo este mediodía.
A campaña A morriña non ten brazos pero aperta o corazón veu da man da Asociación Galega de Xerentes de Centros Comerciais Aberto, en colaboración coa ABE e outras entidades locais da xeografía galega. En total, concorreron na iniciativa 27 centros comerciais abertos que compartiron o obxectivo de querer premiar a fidelidade dos seus clientes e recordarlles que o comercio local “está sempre ao seu carón”·
Para participar nesta campaña só foi preciso acceder á conta de Facebook da asociación e compartir o que cada quen botou de menos do comercio local durante o Estado de Alarma, a través dun texto, un debuxo, unha foto ou un vídeo, indicando en que concello sería desexábel facer a compra no caso de gañar un dos vales en sorteo. Foron 27 vales de compra por valor de 50 euros, un por cada Centro Comercial Aberto que participou na campaña, e que se poden gastar nos establecementos asociados.
O certame tivo moi boa aceptación, xa que se logrou que participasen 40.000 persoas.
No caso de Boiro, os comentarios representaron mais do 10% do total no concurso.