Ribeira suspende o funcionamento da zona azul mentres dure o Estado de alarma

17 Marzo 2020

O Concello de Ribeira suspende con carácter inmediato o funcionamento da zona azul mentres permaneza o Estado de alarma. Así o decidiu a Comisión Municipal de Seguimento da Evolución do COVID-19 na súa sesión de hoxe como unha medida enfocada a que a veciñanza que non dispón de praza de garaxe conte cun lugar permanente onde estacionar o seu vehículo e, por outra parte, non teñan que saír do seu domicilio para cambialo de sitio pola limitación temporal de aparcamento.

No transcurso da reunión acordouse tamén suspender o cobro de todos aqueles tributos que teñan como base impoñible a prestación de servizos municipais -por exemplo, as taxas de auga, recollida de lixo e sumidoiros están actualmente en período de pago do cuarto trimestre do ano pasado-, en tanto que aqueles que xa foron pasados a cobro por estar domiciliados pero non están en condicións de ser prestados temporalmente -por exemplo, a cota dun abono polo uso da piscina da Fieiteira correspondente ao presente mes de marzo- serán compensados en futuras mensualidades.

Por outra banda, na comisión deuse conta das xestións efectuadas polo alcalde Manuel Ruiz co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, coa finalidade de reforzar as dotacións das policías locais galegas en base a tres direccións: incorporación voluntaria de policías locais xubilados menores de 65 anos (que poderían ser ata dous efectivos no municipio ribeirense), incorporación de alumnado da Academia Galega de Seguridade da Estrada e ampliación dos prazos nos contratos de auxiliares de policía local (actualmente establecido nun máximo de dez meses).

No que respecta a Servizos Sociais, acordouse que, entre este departamento e o GAEM, se centralicen e canalicen os labores de voluntariado, adoptando as medidas adecuadas para esta finalidade. Así mesmo, os Servizos Sociais adoptarán medidas que aseguren o dereito básico de alimentación de nenos e nenas en situación de vulnerabilidade que se atopen afectados polo peche de centros educativos, traballando de xeito coordinado con outras institucións tales coma as Consellerías de Política Social e Educación e os propios centros escolares.

Tamén se tomou a decisión de solicitar á Delegación do Goberno en Galicia o envío urxente de equipos de protección individual, ao tempo que se vai poñer a disposición do persoal de diverso material actualmente en stock.

En materia de transportes, comunicarase ás empresas prestadoras deste tipo de servizos públicos no municipio que extremen os traballos de desinfección dos seus vehículos (buses e taxis) entre viaxe e viaxe.

Ademais, acordouse instar a Portos de Galicia a que intensifiquen a vixilancia en pantaláns para que só os profesionais do mar empreguen estas infraestruturas e non outro tipo de usuarios que están obrigados a permanecer nas súas casas salvo os supostos especificados polo Goberno do Estado.

Por último, en certos servizos municipais nos que se conserva a atención presencial para casos de urxencia, instalaranse parapetos como medida de prevención e hixiene.

Cómpre sinalar que tódolos días, ás 13.00 horas, o rexedor explicará vía streaming, empregando as contas de YouTube e Facebook do Concello, os acordos adoptados.

Outros artigos

Ribeira renova a súa distinción como Cidade da Ciencia e a Innovación

Ribeira é unha das 17 cidades Innpulso que renova a súa distinción de Cidade da Ciencia e a Innovación por apostar por políticas locais innovadoras nos seus territorios. No caso ribeirense, o galardón atópase na categoría de municipios de 20.001 a 100.000 habitantes;...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“OTAN o NATO”. Manuel Dominguez III

“OTAN o NATO”. Manuel Dominguez III

¿Para qué sirve? La OTAN, Organización del Tratado Atlántico norte, se creó para que la unión de occidente europeo y norte de América, pudieran defenderse mutuamente si uno de los países fuese atacado, por otra potencia, léase Rusia. El problema surge cuando tenemos...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.