Ribeira decreta medidas fronte ao COVID-19

13 Marzo 2020

Logo da reunión de coordinación coa presenza de tódolos xefes de áreas municipais e a xunta de voceiros, o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, deu a coñecer as medidas adoptadas polo goberno local con motivo do COVID-19. Búscase así a protección da saúde das empregadas e empregados públicos e a cidadanía en xeral coa adecuada prestación dos servizos públicos. Ditas decisións estarán en vigor desde hoxe, venres 13, e cunha duración mínima de 15 días (ata o 29 de marzo, inclusive).

No relativo á atención ao público, priorizarase a atención telefónica e telemática en tódolos servizos, limitándose a atención presencial, en horario de 11.00 a 13.00 horas, para os casos de extrema necesidade relacionados, especialmente, cos Departamentos de Atención ao Cidadá, Servizos Sociais, Centro de Información á Muller (CIM) e Oficina Municipal do Consumidor. Para estes supostos de atención presencial, estableceranse, se fose necesario, as quendas imprescindibles para garantir a prestación do servizo. En todo caso, nos servizos presenciais de Atención ao Cidadá (OAC) extremaranse as precaucións polo que se evitará calquera contacto físico cos cidadáns, establecerase unha distancia de seguridade dun metro entre as persoas que agarden a súa quenda (publicarase un cartel informativo) e limitarase a tres persoas a permanencia do interior da Casa do Concello en espera de atención.

A Unidade de Atención á Drogodependencia (UAD) permanecerá aberta nos seus horarios habituais, organizándose o persoal en dúas quendas, cunha periodicidade de 15 días cada unha delas.

Tódalas actividades deportivas, culturais e sociais que se celebren en instalacións municipais quedarán canceladas: cursos, bailes, exposicións, escolas deportivas, competicións, etcétera. En consonancia co anterior, permanecerán pechados os polideportivos, Centro de Raqueta, piscina, ximnasios e campos de fútbol de titularidade municipal, Biblioteca, Conservatorio, viveiro de empresas, casas de cultura, centros sociais, Escola de Hostalería, museos e Aula CeMIT.

Tamén se decreta o peche de tódolos parques infantís e, nomeadamente, o de García Bayón, Centenario, Abesadas e Pedra Pateira, así como os situados na rúa Castelao (Aguiño) e Arrochela (Palmeira).

Así mesmo, queda suspendido o mercadiño semanal dos sábados, agás aqueles postos dedicados exclusivamente á alimentación, para contribuír ao abastecemento de alimentos básicos á poboación. Os postos serán organizados de tal xeito que se evite a aglomeración de persoas.

No que respecta a Policía Local, Obras e Xardíns, traballarán en quendas de 15 días, de tal xeito que se garanta a prestación do servizo, con prioridade para o máis urxente e inaprazable. Neste senso, e coa fin de garantir a Policía Local e GAEM, organizaranse nas quendas máis óptimas e eficaces cara a correcta prestación do servizo, evitando que todo o persoal coincida ao mesmo tempo. Ademais, continuarase co proceso selectivo para a contratación de 12 auxiliares de Policía Local -extremando tódalas precaucións necesarias no desenvolvemento dos exames- coa finalidade de reforzar.

Con carácter xeral e, particularmente, no servizo de axuda no fogar (SAF) utilizaranse medidas de profilaxe e material axeitado para garantir coa máxima precaución e cautela a atención aos maiores. Mentres tanto, suprímense novas altas de usuarios non urxentes de prioridade básica.

As recomendacións de carácter xeral son extremar as medidas para evitar concentracións no exterior e a non celebración de festas privadas (estremaranse medidas para velar polo cumprimento estrito dos aforos e horarios nos locais de ocio); que as asociacións e entidades eviten eventos públicos que provoquen aglomeracións; non facer viaxes e desprazamentos que non se consideren imprescindibles, evitando a toda costa as zonas de máxima concentración do virus; non visitar centros de maiores, hospitais, centros médicos, exceptuando casos de extrema necesidade; e lavar con frecuencia as mans e a faciana con auga e xabón.

Finalmente, rógase a toda a poboación a máxima colaboración e comprensión para evitar a propagación do coronavirus, así como seguir ao máximo as medidas de autoprotección seguindo as recomendacións ditadas ao respecto polas autoridades administrativas e sanitarias, especialmente, a permanencia nos domicilios particulares, coidando en especial dos grupos de risco máis vulnerables como poden ser os maiores e rapazada.

De ter algún síntoma, contactar co 900400116.

Outros artigos

Sinistro cunha motocicleta na avenida da Coruña do concello de Ribeira

Os bombeiros do parque Provincial de Ribeira foron alertados pasadas as 22:00 horas deste sábado 11 de xaneiro dun accidente de tráfico acontecido na avenida da Coruña, no concello de Ribeira. A incidencia implicou unicamente a unha persoa que conducía un ciclomotor e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A toda vela, outra volta!: non queda outra! ” – Antón Luaces

“A toda vela, outra volta!: non queda outra! ” – Antón Luaces

A fame obriga. Ou, o que ven ser o mesmo, a necesidade de reducir custes fai que experiencias acumuladas durante séculos, obriguen aos armadores de todo tipo de buques a repensar antes de investir na construción de novos buques: retornan as velas e, desta vez, non só...