Os ecoloxistas esixen mellores medidas para evitar a contaminación mariña trala morte de máis de 200 aves nas nosas praias

09 Marzo 2020

A raíz do novo capítulo de contaminación mariña do que vén de ser vítima a nosa costa, sen apenas repercusión nos grandes medios malia a aparición de centenares de aves petroleadas nas praias (nas cales foron contabilizados máis de 200 paxaros mortos, boa parte dos cales nos areais de Barbanza), a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) vén de emitir un comunicado no que reclama a revisión inmediata do Plan de Continxencias por Contaminación Mariña, un protocolo que se mostra insuficiente para protexer o noso litoral dos sentinazos e vertidos enviados polos buques que circulan polo corredor atlántico, a escas millas da costa galega. No comunicado ADEGA di que o plan non só resultaría ineficaz ante a catástrofe dun novo Prestige, senón tamén, ante casos de menor envergadura como o que encheu centos de aves, os días pasados, dunha substancia oleaxinosa cuxa natureza aínda está por determinar.

ADEGA, a raíz do devandito, pide explicacións ás administracións competentes e esíxelles que poñan en marcha medidas necesarias para que se “clarexe o antes posíbel a orixe e alcance do vertido causante deste desastre ambiental”. Neste senso, ADEGA vén de solicitar ao INTECMAR (Instituto Tecnolóxico para o control do medio mariño en Galicia), dependente da Xunta, e a Salvamento Marítimo, dependente do Ministerio de Transporte, que dispoñan todas as medidas necesarias. Con tal fin, ADEGA trasladou a estes dous organismos os datos extraídos esta fin de semana das últimas inspeccións de praias realizadas por persoas voluntarias coordinadas por ADEGA e que foron interpretados e publicados polo Grupo Naturalista Hábitat a través do Boletín 2 de Inspección de Praias. A asociación lembra que tendo en conta estes datos e outros parámetros complementarios (a dirección e intensidade dos ventos, as mareas e os buques), “sería relativamente sinxelo determinar a orixe do posíbel vertido ou sentinazo que provocou a morte de centos de aves abeiradas no noso litoral”.

Aves petroleadas

A raíz do informe publicado pola agrupación ecoloxista Hábitat, descargábel en liña, ADEGA recorda que nos últimos días rexistráronse un total de 219 aves acuáticas afectadas pola emisión de substancias contaminantes, aínda que tamén se atoparon outras 76 aves mortas, mais sen información concreta de manchas, polo que a súa morte non se pode vincular claramente co vertido.

Na investigación sinálase tamén que das 219 aves vencelladas ao vertido, 188 apareceron mortas e presentaban manchas dalgún aceite ou fuel. A maioría (136) atopáronse na costa da Coruña e 52 en Pontevedra. Das aves mortas, o 91% foron araos papagaios (Fratercula arctica), especie considerada vulnerábel pola IUCN e que, nesta época, son especialmente sensíbeis, xa que están a mudar plumaxe e non poden voar.

Das preto de 300 aves rexistradas, 31 estaban vivas e con manchas dunha substancia oleosa, por determinar.

As praias onde se atoparon máis individuos afectados foron areais dos concellos de Porto do Son, O Grove, Carnota, Ribeira, Muxía, Muros, Nigrán, Malpica e Sanxenxo.

En canto ás substancias vertidas que se detectan nas aves recollidas, observáronse tres tipos: unha substancia sólida branca semellante á parafina ou a un produto químico, unha substancia oleosa alaranxada e fuel negro.

Outros artigos

Incendio nunha vivenda na Conlleira, no concello de Ribeira

Os bombeiros do parque Comarcal Provincial de Ribeira foron alertados ao redor das 11:00 horas desta mañá dun incendio nunha vivenda na Conlleira, no concello de Ribeira. O lume orixinouse nun armario nunha das habitacións e o operativo consistiu na extinción das...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O de sempre, para non variar: susto ou morte” – Antón Luaces

“O de sempre, para non variar: susto ou morte” – Antón Luaces

Segundo o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, España acadou no recente Consello de Ministros da UE bos resultados no Atlántico e Mediterráneo, de xeito que asegura a viabilidade dos 570 barcos que faenan no Mediterráneo e, no Atlántico, tamén "bos...

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

Nos últimos tempos, a dereita política española está a preocuparse máis en lanzar trolas e mentiras para tratar de despistar sobre os múltiples casos de corrupción que tiveron, con sentenza firme, e que aínda ten xudicializados. Desde que o sr. Feijóo chegou á capital...