Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, Boiro dará cabida a numerosas actividades programadas por distintas entidades, asociacións e o propio Concello. Ao acto de presentación asistiron a concelleira de Política Social e Igualdade, Marisa Collazo; a directora do Centro de Información á Muller (CIM) boirense, María Ortega; Pili Campaña, integrante da agrupación impulsora da manifestación; Paula Tubío, en representación de Unión de Muchachas; e numerosos membros doutros colectivos do municipio.
Os actos arrancarán na mañá do domingo 8, concretamente ás 12.00 horas, cunha manifestación que comeza cunha quedada na praza do Concello para, a continuación, dirixirse pola rúa peonil rumbo A Negral, onde se efectuará unha ofrenda floral en recordo ás vítimas da violencia machista neste 2020. Posteriormente, regresarase ao lugar de saída para proceder coa lectura dun manifesto por parte das entidades e asociacións participantes.
Xa pola tarde, Unión de Muchachas realizará unha Verbena feminista, a partir das 18.00 horas, tendo lugar a lectura dun manifesto e actuacións musicais por parte de mulleres, incluíndo batukada feminista. Deste xeito, apórtaselle á xornada un carácter festivo para celebrar os dereitos acadados, se ben é certo que queda moito por avanzar.
As actividades prolongaranse ao luns 9, pois o CIM de Boiro impartirá, ás 09.30 horas, unha charla informativa ao alumnado do IES Espiñeira co obxectivo de explicar a función deste servizo; ademais dunha mesa-coloquio sobre as mulleres e a vida laboral, prevista para as 11.30 horas no centro de formación e viveiro de empresas.