Boiro celebrou na tarde de onte o pleno ordinario correspondente ao mes de marzo. A sesión arrancou coa moción presentada polo grupo municipal do BNG para melloras no CEIP Santa María do Castro, a cal contou co respaldo unánime da corporación. A voceira Raquel Suárez explicou que presentaban a proposta “recollendo as demandas da ANPA e da comunidade educativa” en relación ao colexio, que se trata dunha edificación que leva “relativamente moito tempo feito e hoxe en día atópase nun estado de deterioro e cunhas deficiencias que era necesaria arranxar canto antes.” Neste senso, manifestou que “non podemos ser flexibles e temos que reclamar o que corresponde para este colexio diante do resto das Administracións.”
Ante isto, a concelleira de Educación, María Outeiral, expuxo que no mes de decembro, xunto co tenente de alcalde, José Luis Ruíz, reuníronse con Xefatura Territorial, chegando a un acordo no que “xa nos comprometeu naquel momento o resto de fiestras e o ascensor.” Engadiu que, desde o Concello, volveron solicitar outro encontro pero que, segundo lle comunicaron, por motivos de axenda non resulta posible. Aínda así seguen poñéndose en contacto vía telefónica e electrónica, “recordando non só os problemas que ten o colexio do Castro, senón os problemas que teñen os demais centros do municipio de Boiro e que deben ser atendidos por Xefatura Territorial.” Tamén informou que xa se enviaron dúas persoas para valorar os arranxos a efectuar no CEIP Santa María do Castro, mais “hai moitos deles que é inviables facelos agora” ao ser preciso un período de tempo sen chuvia, especialmente, no que respecta ás goteiras. Mentres tanto, no resto de centros educativos, con problemas menores tales coma pintados ou humidades máis pequenas, afirmou que xa hai operarios traballando para resolvelos.
A edil de Boiro Novo, Dores Torrado, propuxo elaborar un plan de actuación de carácter xeral para acometer aquelas demandas nos distintos centros de ensino que sexan de competencia municipal, ademais da necesidade de que exista unha partida concreta nos orzamentos destinada a este eido. Pola súa parte, Carlos Rodríguez, de Ciudadanos, desexou que as deficiencias “se poidan arranxar canto antes”; mentres que Manuel Velo, de IC Boiro, plantexou acollerse a algunha subvención; e Juan José Dieste, portavoz do PP, repasou as intervencións que se realizaron en anos anteriores coma, por exemplo, aparcamento para vehículos, beirarrúas, área de xogos e incremento do patio cuberto.
Outra das cuestións levadas a pleno polos nacionalistas, saíndo tamén adiante por unanimidade, foi unha moción cuxos acordos ían, tal e como indicou Raquel Suárez, na liña de “contribuír a combater a precarización dos servizos e coidados levados a cabo, maioritariamente, por mulleres e dar visibilidade ao que supón o traballo invisible dos coidados no sistema económico e social.” Tras a súa exposición, preguntou sobre o estado en canto á elaboración do mapa do medo: unha das medidas que se contemplaba na moción presentada polo Bloque ao pleno ordinario de novembro con motivo das celebracións e reivindicacións do 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A isto respondeu o tenente de alcalde, José Luis Ruíz, apuntando que se fixo un bando informativo onde de poñía a disposición da cidadanía unha serie de teléfonos e enderezo electrónico para as súas aportacións á hora de confeccionar o referido mapa, sen que, polo de momento, houbese algunha comunicación, pero que se informaría máis profundamente ao respecto.
O terceiro punto da orde do día correspondía a unha moción presentada por Boiro Novo para a instalación de cambiadores de cueiros e habilitación de zonas de lactancia nas instalacións municipais, contando coa apoio do conxunto da corporación. Novamente, o socialista José Luis Ruíz interveu para sinalar que se procederá coa colocación de cambiadores en aseos de dependencias municipais. En canto ao da lactancia, declarou que “o que busca é moi loable, pero non é fácil levala a cabo.” Argumentou que o motivo é que non tódalas áreas municipais dispoñen de lugares que reúnan as características adecuadas para tal fin, mais que igualmente se poñerá en contacto cos departamentos técnicos para que indiquen os espazos e intentar a súa habilitación.
Finalmente, abordouse unha moción do PP sobre a conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. A concelleira Beatriz Deus referiuse a que a proposta estaba encamiñada á Axenda 2030 e ao empoderamento da muller, facendo fincapé no ámbito das ciencias e as novas tecnoloxías. A cuestión saíu adiante cos votos favorables dos populares, PSdeG-PSOE, Boiro Novo, IC Boiro e Ciudadanos, absténdose o BNG. A formación nacionalista xustificou a súa postura en que “vemos unha incoherencia entre a teoría e despois a práctica do día a día do Partido Popular”, pero aclararon que “non dubido da boa intención dos compañeiros do Partido Popular de Boiro con este tema.” Na súa intervención, Beatriz Deus reprochou que “non entendo a vosa abstención con esa escusa.”