O Auditorio municipal rianxeiro será escenario este sábado 29, a partir das 19.00 horas, da gala de entrega de premios da cuarta edición do Certame Audiovisual de Curtas Alberto Romero.
O acto estará presentado por Vanesa Ordoñez e Emilio Palmeira, contando coa colaboración de José Andrés Mariño, Marga Loureda, Marian Rosemary, Daniel Martíns, Chumi, Xabi Romero, Bandamueca, Moncho Vidal e Thais Suki.
Esta cita está promovida pola Asociación Cultural Alberto Romero, a cal ten como fin principal a promoción da cultura audiovisual a través do seu certame que se desenvolve no eido dos Concellos pertencentes a Arousa Norte e que conta con moi boa acollida entre o público en xeral. Para estreitar lazos de cooperación e contribuír ao impulso, difusión e promoción das actividades creadas polo referido colectivo, en xaneiro deste ano procedeuse á sinatura dun convenio coa Mancomunidade de Municipios Arousa Norte.