O CS de Boiro encara 2020 co obxectivo reforzado de “traballar para a xente e coa xente”

O equipo do Centro Social de Boiro co noso entrevistado, Alberto García, á dereita da imaxe

O Centro Social de Boiro tivo na recta final de 2019 unha máis que intensa actividade conmemorativa: a celebración dos seus 20 anos de vida, unha celebración coa que se conseguiu que o centro fose aínda máis “central” e aínda máis “social”. Ou sexa, que se reforzou o seu carácter de casa común. Boa parte culpa disto tívoa a veciñanza de Boiro, que adicou boa parte do seu tempo de lecer a implicarse nas actividades que se desenvolveron, nos moitos vídeos conmemorativos realizados e nas mensaxes de apoio plasmadas nas redes sociais. Falamos destas cousas con Alberto García, coordinador do Centro Social de Boiro.

-Por que credes que tanta xente quixo celebrar con vós estes 20 anos de andaina?

-Moita xente quixo celebrar con nós o 20 aniversario do centro porque somos moitas persoas e colectivos os que formamos o centro. Somos ao redor de 20 persoas traballando a diario no centro, desde a iniciativa pública (as persoas que traballamos para a institución impulsora do centro, o Concello de Boiro), e tamén dende a iniciativa privada e asociativa, xa que a escola de música a xestiona unha cooperativa, a Cruz Vermella ou Barbantia son entidades sociais e culturais, etc..

Desde as tres perspectivas, a pública, a privada e a asociativa, traballamos ademais metodoloxías participativas e implicadoras. O noso lema é que traballamos para a xente pero sobre todo coa xente. É por iso que nos diferentes proxectos que aquí se desenvolven se involucra a moitas persoas. Todas estas persoas séntense parte de centro, sénteno seu, e esa é a clave do “éxito”, de que o centro sexa tan visitado, tan utilizado, tan vivido.

-Recentemente fixestes saber que o CS de Boiro recibe cada ano máis de 70.000 visitas, entre a aula de estudo, as escolas de música e baile, a sede da Cruz Vermella ou os espazos formativos. A que credes que se debe esta elevada participación? Case se podería dicir, como sigades así, que quen vaia a Boiro e non pase polo Centro Social non foi realmente a Boiro….

-As 70.000 entradas son reflexo disto. Estamos nos números dunha institución emprazada nunha cidade así que estamos moi satisfeitos. Somos un centro moi visitado por persoas de Boiro e doutras partes da comarca. Ás formacións da aula CeMIT, por exemplo, acoden persoas de Rianxo, A Pobra, Dodro e incluso máis lonxe. Ofrecemos algo que á xente lle interesa, por iso aquí vén moita xente.

-Cales son as actividades que credes que teñen máis poder de atracción?

-O que máis atrae son estas formacións en novas tecnoloxías, que son múltiples, adaptadas a todos os niveis de coñecementos, a diversas idades e que ademais son gratuítas, xa que se imparten por persoal municipal na filosofía de que o coñecemento e o ensino, deben ser gratuítos e universais.

Do que estamos máis orgullosos é da participación cidadá. Somos un centro xerador de cidadanía e desenvolvemento social en canto a xente vén aquí non tanto a ver cousas senón a participar delas, a facer cousas, e iso é o que mais nos interesa.

-Tendes algunha novidade que presentar. Por exemplo, que se está a preparar un arquivo dixital da actividade xerada polo Centro Social nestas dúas décadas…

-O arquivo é algo moi importante que a veces se nos esquece. Gardar a memoria do que imos facendo, do que vai sucedendo, do momento actual, para que as vindeiras xeracións teñan ferramentas e datos para seguir evolucionando.

-Outra das novidades que trouxo este punto de inflexión entre 2019 e 2020 foi a posta en marcha dun proxecto participativo destinado a habilitar un espazo de lecer e formación para adolescentes do concello. Cóntanos algo disto…

-Si, casualmente isto que contades ten a súa orixe no noso traballo coas persoas maiores, ás que levamos 20 anos ofrecendo servizos de ocio e formación. Este labor de dúas décadas fíxonos ver, dende os seus inicios, que as persoas de idade, coa súa experiencia de vida, tiñan moito que ensinarnos a nós e á sociedade, por iso complementamos os servizos que lles ofreciamos coa información e o traballo que podiamos aproveitar delas. Así se fixeron proxectos como os vídeos memoria de muller, outras publicacións de memoria local en papel, visitas de mentoring vital aos institutos, etc.

Agora queremos facer o mesmo coa rapazada. Os maiores deseñamos e ofrecemos espazos e servizos para estas idades pero sen preguntarlles. Queremos a partir de agora recadar a información da propia mocidade, recoller ideas, formatos e innovacións, que as mentes mozas, moitas veces máis abertas poden aportar, para convertelas en información que sexa útil socialmente. Isto farémolo a través dun novo espazo chamado Laboratorio de Innovación Xuvenil.

-Hai algunha novidade máis con vistas a este 2020? A nivel de programa de actividades, que nos tendes deparado para este primeiro treito de ano?

-A programación de actividades tamén queremos orientala á nosa filosofía de traballo principal: a participación cidadá. Por iso estamos traballando agora a planificación anual da cultura cidadá do municipio, isto é, a programación máis importante e transformadora que podemos abordar: a que desenvolve o gran tecido asociativo do concello, o que nós chamamos a “república creativa” de Boiro. Artellar, darlle forma, axuda administrativa, acompañamento técnico e financeiro a este tecido social é o noso obxectivo. Esa é a programación mais importante para nós.