
A plataforma medioambiental Verdegaia vén de mostrar novamente a súa preocupación polas últimas novidades relacionadas coa Estación Depuradora de Augas Residuais de Ribeira (EDAR), cuxo funcionamento, como lembraremos, xa foi criticado pola entidade ecoloxista, que denunciaba a desviación de augas de orixe industrial cara a rede urbana da estación. Estes días Verdegaia volve lembrar que o problema “segue sen solucionarse” e que mesmo foi recoñecido polo xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, en declaracións a El Correo Gallego: “É mellor que os alivios industriais vaian á depuradora que se vertan directamente no mar”. O colectivo pídelle ao ente autonómico que afronte este problema.
Segundo sinala, a devandita decisión “é contraria ao recollido no documento de resolución de autorización de vertidos”, no que se afirma que fican “fóra do expediente” todas aquelas consideracións relativas ao saneamento do Polígono de Xarás, que non se atopa conectado á EDAR da que “procede o vertido obxecto do presente expediente administrativo”. Verdegaia tamén recorda que “a dicotomía de por unha banda ir á depuradora, e, pola outra, ir directamente ao mar”, é unha “falsa dicotomía”, posto que a EDAR de Ribeira “non está preparada para depurar os residuos industriais”. En definitiva, a organización pon o foco en que estes fluxos procedentes das empresas sairán directamente ao mar “sexa polo punto que o propio organismo de Augas estableceu na resolución de vertido (O Touro), sexa polo emisario da EDAR, en Couso”.
A plataforma salienta o interese da Administración autonómica por “non querer prexudicar o sector do mexillón, que no seu día tivo que ser indemnizado polas perdas producidas por estes vertidos”, pero esta política de sustentabilidade con respecto aos bateeiros non pode “darse”, sinala a asociación, “a costa de prexudicar a veciñanza, a pesca e o ambiente”.
Verdegaia lembra que “a veciñanza terá que pagar o sobrecusto da depuración destes vertidos industriais, o deterioro dos colectores e da propia EDAR por mor destes vertidos, e os sobrecustos na depuración como consecuencia destes desarranxos”. A asociación tamén fai saber que a presenza de fluxos industriais repercute negativamente na depuración dos residuos urbanos, proceso que se verá comprometido como consecuencia da presenza daqueles. Por todas estas razóns Verdegaia insta a Augas de Galicia “a afrontar con decisión e valentía o problema das augas industriais do concello de Ribeira, un problema que de non resolverse agora pode supoñer un grave prexuízo para a nosa ría a medio e longo prazo”.