Barbantia e o escritor Héctor Pose proseguen en Rianxo o ciclo Castelao 2020

27 Xaneiro 2020

Continúan esta semana as actividades conmemorativas do 70 cabodano do falecemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, o célebre escritor, debuxante, intelectual e político rianxeiro. O Concello de Rianxo, logo das variadas e complementarias accións dos días pasados (a performance poética de Ricardo de Barreiro ou a proxección da curtametraxe O Castelo da Lúa), co-organizará este venres 31, na Sala Arcos Moldes do Auditorio, unha dupla estrea literaria: a presentación do número 151 de A Voz de Barbantia e (tamén) a recalada en Rianxo da novela Escribirme, de Héctor Pose Porto (Malpica, 1964) e publicada por Edicións do Peirao.

Trátase esta última dunha novela semi-biográfica que, partindo dunha lembranza da mocidade do autor, remata levándonos da man cara ao terreo da reflexión persoal e das implicacións, dificultades e satisfaccións que implica a palabra que dá titulo ao libro. Ou sexa, o oficio de escribir.

O acto comezará ás 20.30 horas e contará coa intervención artística do pintor e gravador Manuel Ayaso. A apertura e o peche musical correrá a cargo do cuarteto de frautas Leliñas, da EMR.

Amais destas actividades, o Concello lembra tamén que até o 1 de febreiro está aberta no Auditorio local a exposición Sempre en Galiza: homenaxe de artistas galegos. Trátase dunha escolma de obras destacadas cedidas polo Museo do Gravado e Estampa Dixital de Artes, en Ribeira. A colectiva é un conxunto de salientábeis contribucións pasadas e presentes ás homenaxes a Castelao, da autoría de grandes artistas contemporáneos da nosa terra, todas e todos con recoñecidas e influentes traxectorias de prestixio: Antonio Murado, Berta Cáccamo, Antón Patiño, Menchu Lamas, Xosé Freixanes, Correa Corredoira, Manuel Moldes, Vidal Souto, Quintana Martelo, Alfonso Costa, Manuel Facal, Silverio Rivas, Alberto Datas, Felipe Criado. Virxilio e Leopoldo Nóvoa.

Máis cousas en febreiro

Iniciando o mes de febreiro, o sábado 1, os actos concentraranse en varios emprazamentos. En primeiro lugar, ás 12.00 horas, o busto de Castelao e as rúas de Rianxo vivirán a ofrenda floral, intervención das autoridades e saída dun roteiro. Xa pola tarde, ás 20.00 horas, o salón de actos do Auditorio acollerá a presentación do libro Desvelando a Ademar Escambia, editado por Toxosoutos e co que José Carou Rey gañou a décimo oitava edición do certame literario Antón Avilés de Taramancos. Tamén asistirán o escritor Agustín Agra; Clodio González Pérez, de Editorial Toxosoutos; e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...