As letras rianxeiras dan impulso ao lanzamento na Rede do Álbum de Galicia

09 Xaneiro 2020
Manuel Gago, Dolores Vilavedra e Rosario Álvarez

O noso saber e as mulleres e homes que máis fixeron por preservalo e poñelo en valor, permitindo que chegase a nós tan importante legado, veñen de estrear na Rede o espazo informativo e documental que se merecen. Trátase do Álbum de Galicia, a colección biográfica da nosa terra posta en liña polo Consello da Cultura Galega. O acubillo dixital, presentado hoxe por (entre outras personalidades) o barbanzán Manolo Gago (técnico do CCG) ou Rosario Álvarez (presidenta do CCG), permítenos coñecer con múltiples e interesantes detalles a contribución creativa e vital de grandes da nosa cultura como os rianxeiros Manuel Antonio, Rafael Dieste e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a ferrolá Concepción Arenal e a padronesa Rosalía de Castro.

O Consello da Cultura Galega presentou esta tarde na súa sede compostelá este proxecto que pon na Rede a biografía de 504 figuras representativas da cultura galega xa finadas, acompañada de 1.846 fotografías e 1.392 documentos. “O Álbum de Galicia permite poñer rostro aos homes e mulleres que construíron a historia do país” explicou a presidenta Rosario Álvarez, que estivo acompañada do palmeirense Manuel Gago e maila secretaria da institución, Dolores Vilavedra. Na cita tamén fixo acto de presenza o presidente de honra do CCG, Alberto Núñez Feijóo.

Amais das devanditas escritoras e escritores, o espazo en liña reivindica figuras como a soprano estradense Ofelia Nieto, o astrónomo Ramón María Aller ou o científico e político Osorio Tafall.

Polo que se refire a Barbanza, a mais de Castelao, Dieste e Manuel Antonio figuran persoeiros como o investigador ribeirense Manuel Jacobo Fernández Mariño, a artista e docente probense María Dios, ou o tamén pobrense Carlos Montenegro.

En palabras do CCG, “é unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos da cultura galega, desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa”. Estas biografías están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten, segundo informou o Consello da Cultura, “coñecer tanto a obra das persoas divulgadas como a produción intelectual existente sobre elas”. Por certo que a totalidade das entradas colleron corpo da man de especialistas en cada unha das ditas materias.

A secretaria explicou tamén que o Álbum vén con outro engadido extra a ter en conta, “xa que permite conectar as persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega”. Ou sexa, que posibilita relacionar as figuras abordadas con material sonoro, fotográficos, publicacións, epistolarios, publicacións, estudos e calquera outro documento realizado ou dixitalizado polo CCG.

O proxecto preséntase como “unha iniciativa viva”, xa que pretende ir ampliando de xeito gradual o número de biografías, diversificando temática e cronoloxicamente o repertorio. Este labor será tamén un labor colectivo e cidadá, no que poderán participar cidadáns e colectivos enviando suxestións de representantes da nosa cultura que consideren de interese para seren difundidos a través desta ferramenta.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

Un gobernante é un servidor público e como tal se merece o respecto necesario, con independencia do partido ao que pertenza ou teña a ideoloxía que teña. O que non pode ser é que o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, con máis de tres décadas no cargo como...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.