A ribeirense cabalgata de Reis incorpora numerosas novidades coma o Belén vivinte

02 Xaneiro 2020

Ao redor de 500 persoas están inmersas na organización da cabalgata de Reis que se celebrará en Ribeira o domingo 5, a partir 18.00 horas, unha vez as Súas Maxestades de Oriente cheguen ao recheo portuario de Santa Uxía a bordo do Bus Real, cortesía do Grupo Ferrín, que estivo percorrendo o municipio desde o 10 de decembro. A súa recepción estará acompañada dun espectáculo pirotécnico.

A concelleira de Cultura, María Sampedro, foi a encargada de explicar tódolos detalles desta cita na que desfrutarán grandes e pequenos. A cabalgata estará integrada por dez carrozas encabezadas por un tren infantil con cincuenta cativos a bordo. No que respecta ás carrozas, en tres delas viaxarán Melchor, Gaspar e Baltasar, mentres que nas sete restantes irán os nenos e nenas de sete entidades locais: Amencer, Alfaia, Aires de Dorna, Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño, Amas de Casa de Ribeira, Asociación de Veciños de Carreira e Flor de Toxo. Todas elas estarán engalanadas con temática do mundo dos contos, con referencias a Polgariño, Hansen e Gretel ou Alicia no País das Marabillas.

Como acompañamento musical, formarán parte do desfile o grupo de música tradicional Andavía, as charangas Os Santiaguiños e BB+, Fanfarria Furruxa, a banda de Barro e a banda de Cristo de la Buena Muerte de Ferrol. Como novidade, tamén asistirán tres coñecidos personaxes como son Elsa, de Frozen; Woody, de Toy Story; e Peppa Pig.

O itinerario é similar aos últimos anos, pois arrancará do recheo portuario e enfilará polo Malecón ata a rotonda da praza da Concordia, para proseguir pola rúa de Galicia ata a praza de Compostela, rúa Romero Ortiz, novamente Malecón, rúa Rosalía de Castro, rúa Alcalde Fernández Bermúdez, rotonda da Serea, rúa Rosalía de Castro e praza do Concello. Ao longo de todo o percorrido repartiranse entre os espectadores os 1.500 quilos de caramelos aptos para celíacos, 300 máis que o ano pasado. A continuación, os Reis Magos dirixiranse á veciñanza desde o balcón da Casa Consistorial, onde tamén farán o tradicional sorteo de agasallos, para de seguido dirixirse para saudar á rapazada nos soportais onde estarán colocados uns novos tronos feitos para tal ocasión.

Outra das novidades, segundo avanzou María Sampedro, é a recuperación dun Belén vivinte tras 26 anos sen emprender esta acción e grazas á iniciativa da Asociación Alfaia. Este nacemento situarase tamén nos soportais do Concello a partir das 18.00 horas, ata onde se achegarán as Súas Maxestades de Oriente para saudar ao neno Xesús.

A edil tamén fixo fincapé na importancia da seguridade, pola que velarán axentes da Policía Local, GAEM, Protección Civil e numerosos voluntarios, facendo especial mención aos integrantes de ICE Renovación, “que sempre teñen a ben acompañarnos e involúcranse dun xeito especial na cabalgata.”

Así mesmo, haberá un Punto de Recollida de Nenos Perdidos, servizo que se prestará na Casa do Concello a partir das 17.30 horas. Do mesmo xeito, no entorno da praza do Concello haberá un Punto de Auxilio de Protección Civil para atender calquera incidencia.

A pesar de que a cabalgata partirá de Santa Uxía ás 18.00 horas, nesa mesma xornada e desde ben cedo, o Bus Real, cos Reis Magos de Oriente a bordo, visitará as parroquias repartindo caramelos entre todos aqueles que os vaian recibir. As paradas que realizarán Melchor, Gaspar e Baltasar son ás 10.00 horas na rúa das Delicias de Corrubedo; ás 10.45 horas na Casa da Cultura de Olveira; ás 11.30 horas no Centro Social de Oleiros con visita ao Hospital da Barbanza; ás 12.30 horas no porto de Palmeira; ás 13.30 horas no porto de Castiñeiras; ás 16.00 horas na Aula de Música de Aguiño; ás 16.45 horas na Capela da Guía de Carreira; e ás 17.30 horas no Centro Recreativo de Artes.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.