O escritor Xosé Duncan (Chorente – Taragoña – Rianxo, 1970) vai presentar o seu novo libro na súa terra, logo da cita rianxeira, aínda recente, coa novela Mnemea (Galaxia). A nova cita será o vindeiro 14 de decembro, sábado, no Bar O’Costillar a partir das 21.00 horas. Durante o seu transcurso Duncan dará a coñecer O derradeiro decembro infinito.
Trátase dunha obra para ler e tamén para escoitar: O derradeiro decembro infinito é un libro-disco feito man que, amais das contribucións do autor rianxeiro, inclúe a maxia musical de Mielitza. Ten ademais o engadido de ser unha obra única que non segue os camiños tradicionais da edición: non se pode atopar nin en librarías nin en feiras, senón en acontecementos especiais como o día 14 no dito establecemento. Como boa parte da obra previa de Duncan, adscríbese ao xénero fantástico na nosa lingua, aínda que co aliciente extra de ser literatura con banda sonora.
O derradeiro decembro infinito tivo a súa orixe nun proxecto de micromecenado en Verkami. O libro, a crónica “do descenso ao inferno dunha alma torturada”, é a historia dun personaxe que viaxa en espiral percorrendo un camiño marcado polas portas azuis, “eses escenarios nos que outras almas reviven o seu derradeiro día de vida, unha e outra vez, para sempre”.
Sobre o autor
Xosé Duncan achegouse por vez primeira ao mundo da escrita pola xanela que lle ofreceu o proxecto Contos Estraños. Aí colaborou con numerosos relatos desde 2012 até 2015 e publicou a triloxía de fantasía épica As crónicas de Bran. Tamén se achegou ao xénero de terror coa novela curta Hostal Norte (Urco) e á distopía coa crítica social e política na futurista cidade de Negruña (Urco). Quedou finalista en 2016 na segunda edición do certame de Literatura Fantástica Antón Risco coa obra Os soños da Deusa Nai e do Deus Tolo. Alterna o traballo como informático coa creación de máis literatura fantástica e a coordinación da revista Contos Estraños. En 2018 publicou con Galaxia As lembranzas perdidas no lago Antelväri e en 2019 foi a quenda de Mnemea, tamén con Galaxia.