
Un total de sete ofertas concorreron na licitación dunha actuación dirixida ao subministro, instalación, conexión, posta en servizo e explotación dun Sistema de Cartelería Dixital que persegue ofrecer á cidadanía información relevante sobre eventos, municipal e turística por medio de seis paneis de alta resolución, tres interiores e tres exteriores.
A mesa de contratación está inmersa no proceso de adxudicación deste contrato, que é dos denominados chave en man, para asegurar a realización da entrega totalmente equipada e en perfecto estado de funcionamento. O prezo base de licitación son 116.668’20 euros.
Trátanse de pantallas de información de alta resolución e gran formato, intelixentes e conectadas online mediante un reprodutor multimedia de contidos, capaz de transmitir fotos, vídeos, arquivos PDF, son, redes sociais e páxinas HTML, entre outros. Ademais, estes taboleiros dixitais estarán controlados mediante unha Plataforma Software de Control e Xestión de Contidos instalada en Cloud, na nube.
Con este sistema preténdese dispoñer dunha canle de comunicación para transmitir todo tipo de referencias sobre actividades culturais, campañas, eventos, feiras, lugares de interese para visitar, etcétera; así como emitir información procedente da cidadanía coma, por exemplo, actos de asociacións.
Previsiblemente, os paneis estableceranse no interior do Concello, na entrada do mercado municipal e no recibidor do complexo polideportivo da Fieiteira. No que respecta ao exterior, colocaranse nas fachadas do Consistorio e da Sala Museo Municipal, así como no entorno da Oficina Municipal de Turismo.
Así mesmo, as pantallas a subministrar deberán integrarse coa estética dos edificios e do lugar en que se dispoñan.
Esta iniciativa enmárcase dentro da EDUSI Máis Riveira Atlántica 2020, financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. Adscríbese a liña de actuación deste plan denominada Modernización da Administración e Smart Village Riveira.