Un abarrotado salón de plenos de Rianxo acolleu esta mañá a presentación da campaña impulsada pola Policía Local rianxeira con motivo destas datas para concienciar sobre as consecuencias de poñerse ao volante cando se consume alcohol e outras substancias. Baixo o lema Ti decides e cunha duración de ao redor de seis minutos, a cinta comeza con acción e remata con drama.
Para o vídeo contouse cun amplo despregue de medios. A este respecto o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, bromeou sobre “que vai pasar o ano vindeiro porque se nos esgotaron practicamente moitas das ferramentas de seguridade viaria, porque veredes a sorpresa deste ano, pero non hai máis equipamentos. Se cadra, pois igual contratar un submarino.” Tamén quixo destacar as máis dun millón de persoas que viron os vídeos de campañas anteriores, traspasando fronteiras e chegando a numerosos países. Ademais, fixo fincapé na mensaxe de que “temos nas nosas mans a decisión persoal, individual forte, de se hai un consumo de alcohol, pois que evitemos as nosas estradas.” Concluíu a súa intervención afirmando que se trata dun “produto de altísima calidade con medios moi locais.”
Pola súa parte, o xefe da Policía Local, Raúl Frieiro, precisou que a seguridade viaria é de todos, destacando a colaboración de distintas forzas de seguridade. Así mesmo, expuxo algúns datos coma, por exemplo, o traballo desenvolvido para retirar da estrada a delincuentes viarios multi-reincidentes que o ano pasado ocuparon dezanove atestados e que “na maioría, van asociados tamén a consumo simultáneo de drogas e alcohol na condución.” Neste senso, puntualizou que, a pesar do éxito acadado por parte das campañas, “o ano pasado, neses douscentos dezaoito quilómetros de estradas que temos, tivemos cento once accidentes con nove feridos e dous mortos. Dous mortos que para nós significan dous fracasos. Cada morte que se produce nas estradas é un fracaso.”
No que respecta ao apartado creativo, Román Castaño relatou que comezaron con poucos medios e que cada ano se foron incrementando, así como o apoio da xente e servizos. Non obstante, puntualizou que “non quixemos esquecer que a forza destes spots e a quen están destinados é á xente, por iso quixemos contar con moitos veciños tanto de Rianxo coma da Pobra ou de Boiro, que realmente son os protagonistas desta historia.” Duarte Galbán expresou o seu orgullo como rianxeiro, manifestando que “paréceme brutal que un concello tan humilde, sexamos capaces de ensinarlle ao mundo que, con tan pouco, xuntos somos capaces de revolver o mundo.” Pola súa parte, Marga Rodríguez foi a encargada de agradecer a colaboración de todos aqueles que fixeron posible desenvolver o traballo, entre eles, Concello de Rianxo, Policía Local, DXT, Protección Civil, bombeiros, ambulancias, veciñanza e equipo artístico.