Ao igual que en moitos municipios de Galicia, o BNG de Boiro volve a participar nunha campaña que anima a consumir produtos galegos adquiríndoos no comercio de proximidade.
Os nacionalistas manifestan que “levamos tempo alertando da imposición, por parte do Goberno do PP, dun modelo de consumo ao servizo das grandes áreas de capital foráneo, que nos empobrece, atenta contra a nosa saúde, e mesmo xera hábitos de vida e de ocio deshumanizados.” Neste senso, alentan a apoiar ao comercio de proximidade para xerar riqueza para Galicia, humanizar cidades e impedir a desertización das vilas. Tamén sosteñen que está na nosa man modificar hábitos, potenciar a economía e dar saída á produción galega, “de extraordinaria calidade.” Así, o Bloque expresa que “apostamos por prestixiar os nosos produtos primarios e por facilitar a súa comercialización.”
O obxectivo, tal e como precisan, radica en que as persoas produtoras obteñan o máximo beneficio, e que a actividade agraria, a súa transformación e comercialización sexan un elemento de xeración de emprego e dinamización económica. Deste xeito, afirman que “temos comercio e produtos de primeira. Reivindicamos a artesanía, a música, os libros, os xoguetes non sexistas, feitos na Galiza e reinvestidos na economía local.”
Ademais, critican que “as políticas fiscais e económicas do PP están a ameazar a supervivencia do comercio local, que o BNG segue a apoiar e defender.” Entre as cuestións polas que apostan os nacionalistas figuran: incentivar a compra de produtos locais e galegos, con promoción da etiquetaxe en lingua galega; opoñerse á instalación de grandes superficies comerciais; recuperar os mercados municipais e as zonas comerciais tradicionais; promover a produción alternativa e ecolóxica; impulsar unha marca de calidade dos produtos da horta galega; regular os horarios comerciais; establecer liñas de crédito prioritarias para o comercio de proximidade; e promover axudas para implantar ou mellorar establecementos que comercialicen produtos autóctonos.