Luz verde a que unha rúa de Boiro leve o nome do empresario Jesús Alonso

19 Decembro 2019

A corporación municipal de Boiro reuniuse na noite de onte para celebrar o pleno ordinario correspondente ao mes de decembro. Unha sesión que durou catro horas e no que quedou sen debater un dos puntos da orde do día, concretamente a moción presentada por Boiro Novo relativa á instalación no municipio de puntos de recarga para vehículos eléctricos, polo que se tratará na seguinte sesión.

Unha vez aprobada por unanimidade a acta da sesión plenaria do 14 de novembro, procedeuse a abordar a modificación do acordo de denominación da rúa Traballadoras do Mar, sendo aprobado tamén por unanimidade.

De seguido, debateuse a cuestión relativa ao nomeamento da rúa número 6 do planeamento municipal como avenida empresario Jesús Alonso Fernández. Carlos Rodríguez, de Ciudadanos, cualificouno como “débeda histórica” para marcar referentes para a mocidade, destacando o apoio da empresa JEALSA Rianxeira ao deporte e a súa aportación a poñer o nome de Boiro “no mapa de Europa, no mapa do mundo e o pon con letras de ouro.”

Provisto de numerosos documentos, Manuel Velo, de IC Boiro, expuxo os seus argumentos para votar en contra, sinalando que “oito anos do Partido Popular e non fixeron este nomeamento e, sen embargo, faino o goberno do PSOE.” Velo comezou esgrimindo as diversas razóns polas que non ía apoiar a proposta, precisando que a institución política “non é un sitio de tráfico de influencias”, incidindo en que non se malinterpretasen as súas palabras porque “longa vida ao señor Alonso e longa vida a JEALSA.” Velo fixo numerosas referencias á faceta política de Jesús Alonso e apuntou que “non é o que máis cartos teña, é o que mellor o fixera socialmente.” Ademais, manifestou que, no seu día, “o problema veu cando quixo competir comigo pola Alcaldía e entón quixo arrasar todo, e arrasou todo.” Do mesmo xeito, asegurou que “saben ben o que fan, teñen marketing e sabían que isto ía ocorrer de dividir ao goberno.”

A voceira de Boiro Novo, Dores Torrado, manifestou que non se podía separar a figura política da empresarial, polo que presentaban unha emenda á proposta consistente en nomear como rúa da Industria Conserveira porque “as sinerxías son as que xeran máis riqueza que volve outra vez á economía local a través do consumo e a través tamén de apoio ao tecido social, cultural e deportivo do noso concello. Non é mérito dunha soa persoa, é mérito do conxunto do pobo de Boiro que tamén puxo o gran de area na súa empresa.” Ademais, fixo fincapé en que hai que ter en conta os méritos e deméritos, e aproveitou a ocasión para recordar que noutros concellos se esixe o voto unánime da corporación para sacar adiante unha proposta destas características.

Pola súa parte, a portavoz do BNG, Raquel Suárez, afirmou concordar coa exposición de Boiro Novo e a emenda, estando dispostos incluso a aceptar o nomeamento dunha rúa como JEALSA Rianxeira. Suárez asegurou que, en relación á faceta de empresario, nunha ocasión “o señor Alonso aproveitouse do seu posto como empresario para chantaxear á veciñanza de Boiro” e “quixo condicionar o futuro político do pobo de Boiro.” Respecto ao voto favorable do PSdeG-PSOE, criticou que “non sei onde queda a súa coherencia, non sei onde quedan os seus ideais, pero, dende logo, moito xeito non ten.” O seu compañeiro de partido, Carlos Ansoar, cualificou como “moi pobre” seguir o mérito do valor económico para outorgar a referida distinción.

Mentres tanto, o socialista José Luis Ruiz lembrou que esa solicitude fora rexistrada no mes de abril asinada por un total de 19 entidades, entre deportivas e sociais, polo que “trasladamos hoxe a este pleno para que cada un dos representantes públicos se manifeste sobre a mesma, cumprimos co noso deber.” O seu compañeiro, Marcos Fajardo, remarcou que “nós temos que ser responsables ante unha petición popular tan evidente” e asegurou que, como traballador da empresa, sempre houbo liberdade sindical, “algo importantísimo para os traballadores.”

Ante isto, Dores Torrado respondeu que non se cuestionaba que se levase a pleno a cuestión por parte da cidadanía, senón a posición do PSdeG-PSOE a este respecto.

Pola súa parte, o voceiro do PP, Juan José Dieste, sostivo que “aquí hai ningunha xenerosidade e moita bile. A bile atrofia o sentido. Moitísimo sectarismo político e ideolóxico” e salientou os logros acadados por Jesús Alonso ao longo da súa traxectoria, manifestando que “leva o nome de Boiro por todo o mundo” e falou de que o empresario ensinou valores “de liberdade, de ser coherente, atender a todo o mundo, política empresarial aberta, de ideas abertas.”

Finalmente, a emenda foi denegada cos votos en contra de PSdeG-PSOE, PP e Ciudadanos, votando a favor Boiro Novo, BNG e IC Boiro; mentres que a proposta inicial saíu adiante cos votos a favor de PSdeG-PSOE, PP e Ciudadanos, a pesar dos votos en contra de BNG, Boiro Novo e IC Boiro.

A continuación, procedeuse á aprobación inicial da Ordenanza municipal de circulación que foi denegada cos votos en contra do PP, a pesar dos votos favorables do PSdeG-PSOE e IC Boiro, absténdose BNG, Boiro Novo e Ciudadanos.

O punto referente á modificación do Regulamento Orgánico Municipal para a creación da Xunta de Portavoces para o cal se requiría a maioría absoluta, foi denegado cos votos en contra do PP, a pesar dos votos favorables do PSdeG-PSOE, IC Boiro e Ciudadanos, absténdose BNG e Boiro Novo.

No que respecta ao Regulamento municipal de uso e xestión dos espazos asignados aos grupos políticos na Casa do Concello, a proposta foi aprobada cos votos favorables do PSdeG-PSOE, Boiro Novo, IC Boiro e Ciudadanos, votando en contra o PP e absténdose o BNG.

Outro dos aspectos a tratar foi a proposta de participación do concello no POS+2020, saíndo adiante cos votos favorables do PSdeG-PSOE, Boiro Novo e IC Boiro, absténdose PP, BNG e Ciudadanos.

En relación á adxudicación dos contratos de préstamo, este punto foi aprobado cos votos favorables do PP, PSdeG-PSOE e IC Boiro, votando en contra Boiro Novo e absténdose BNG. O representante de Ciudadanos, Carlos Rodríguez, non se atopaba no salón de plenos no momento da votación.

Despois efectuouse un cambio na orde do día, abordándose a moción número 13, presentada polos socialistas con motivo de apoiar ao sector mar-industria alimentario da comarca fronte ao proxecto de reforma da lexislación de Costas e na que interveu unha persoa do público. O asunto saíu adiante cos votos favorables do PP, PSdeG-PSOE, Boiro Novo, IC Boiro e Ciudadanos, absténdose BNG.

Pola súa parte, o grupo municipal do BNG presentou dúas mocións. A primeira, relativa coa proposta da plataforma Vía Galega sobre a emigración, saíu adiante cos votos favorables do BNG, PSdeG-PSOE, Boiro Novo, IC Boiro e Ciudadanos, a pesar dos votos en contra do PP. A segunda, sobre a estrada provincial DP-1105 Boiro-Noia, foi aprobada por unanimidade.

Por último, a moción presentada polo grupo municipal do PP en defensa das liberdades educativas consagradas na Constitución Española foi denegada ao contar unicamente cos votos a favor do PP, votando en contra o PSdeG-PSOE, BNG, Boiro Novo e IC Boiro, absténdose Ciudadanos.

Outros artigos

Retirada de cascotes dunha vivenda de Escarabote no concello de Boiro

Os bombeiros do Parque Provincial de Boiro acudiron a Escarabote, no concello de Boiro, polo desprendemento de cascotes posiblemente procedentes do recebo das tellas dun edificio. Os cascotes caeran á beirarrúa e a estrada. Retirouse parte do recebo que estaba en...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hay cardenales que no creen en Dios” – Manuel Domínguez

“Hay cardenales que no creen en Dios” – Manuel Domínguez

Hay cardenales que no creen en Dios. Pero antes de empezar con el tema diré que ya se realizó el primer milagro de Francisco. Alguien puede decirme como 140 señores de promedio 75 años pueden aguantar 5 horas sentados al sol sin hacer 3,14 - 3,14, es decir pipi. Vamos...