A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar os datos correspondentes ao mes de novembro sobre o paro en Galicia. Nos catro concellos que conforman Arousa Norte, prodúcese unha subida en Ribeira e Rianxo, mentres que baixa na Pobra do Caramiñal e Boiro. Respecto ao mes de outubro, na Pobra do Caramiñal houbo 5 parados menos e 29 en Boiro. Ribeira lidera a perda de postos de traballo con 41 desempregados máis en comparación ao mes previo e Rianxo con 19. Polo tanto, produciuse un aumento de 26 persoas que quedaron sen traballo. Deste xeito, o mes de novembro reflexa 3.374 desempregados, dos cales 1.289 correspóndense con Ribeira, 450 coa Pobra, 1.001 con Boiro e 634 con Rianxo.
Tamén se observa un número moito máis elevado nos parados maiores de 25 anos en comparación aos que non superan esa idade. Así, en Ribeira confróntanse os 1.225 aos 64, na Pobra os 434 aos 16, en Boiro os 925 aos 76 e en Rianxo os 594 aos 40. O mesmo sucede en canto aos sexos, pois hai máis mulleres desempregadas ca homes. En Ribeira confróntanse as 821 aos 468, na Pobra as 268 aos 182, en Boiro as 604 aos 397 e en Rianxo as 371 aos 263.