Os ministros de Pesca da Unión Europea (UE) lograron pechar hoxe mércores un acordo sobre as cotas pesqueiras para 2020, tras unha longa negociación na que España conseguiu suavizar os recortes sobre especies prioritarias para a frota nacional, como a pescada do sur e o xurelo do oeste. O ministro español de Agricultura, Pesca e Alimentación en funcións, Luís Planas afirmou que “O acordo é moi bo resultado para España, para o conxunto do noso sector pesqueiro e está en liña coa Política Pesqueira Común”.
O acordo acadado por unanimidade reduce finalmente o recorte para a pescada sur do 20 % ao 5 % mentres que o xurelo entre Fisterra e Cádiz pasa dunha baixada do 50 % a un aumento do 24 %, sobre a base dos últimos datos científicos. Por outra banda, aumentou un 41 % a cota da cabala no Cantábrico e o galo e rape quedaron en niveis similares ao ano anterior. Sobre o lagostino do Cantábrico, o ministro indicou que a Comisión Europea e España quedaron en seguir traballando para a eventual reapertura da pesca.
Un dos principais escollos da negociación foron as cotas de bacallau e as medidas técnicas en augas do mar Céltico(sur de Irlanda), que prolongaron a reunión. Os Totais Admisibles de Capturas ( TAC) e cotas acordadas comezarán a aplicarse a partir do próximo 1 de xaneiro. As posibilidades pesqueiras apoiadas este mércores cobren as reservas xestionadas só pola UE e aquelas que se explotan en cooperación con terceiros países, como Noruega, a través de organizacións rexionais pesqueiras.
