A ABE entrega os seus Premios á Excelencia Empresarial (terceira edición)

13 Decembro 2019

A Asociación Boirense de Empresarios (ABE) entregou este xoves 12 de decembro os galardóns dos seus terceiros Premios á Excelencia Empresarial. No acto, desenvolvido no salón de actos da sede da asociación en Boiro, concedéronse dous recoñecementos: o Premio Mellor Comercio do Ano 2019, que foi dar ao Supermercado Claudio – A Tenda de Pepa; o Premio á Mellor Empresa do Ano 2019, que recaeu en Studio Moai.

Na entrega de galardóns na sede da ABE, que se viu ateigada de xente para asistir á gala, o presidente da asociación Daniel García mostrou a súa satisfacción de participar nunha actividade que é fiel ao espírito da ABE dende a súa creación en 1988: o espírito de apoiar ás empresarias e empresarios e alentar e distinguir a excelencia local, a innovación e o traballo ben feito.

Finalizadas as presentacións o presidente fixo unha paréntese para pór en valor o recente Accésit acadado pola ABE nos Premios Nacionais de Comercio 2019.

No transcurso da cita de onte, na que tamén participou o alcalde Boiro, José Ramón Romero, proxectouse o vídeo que a ABE vai levar a Madrid para a entrega do devandito galardón (o accésit) e onde se amosa unha pequena mostra do traballo que vén realizando a entidade empresarial boirense.

Chegadas as 21:00 horas comezou finalmente a entrega dos premios coa parte mais institucional do acto, na que o presidente lembrou os porqués destes galardóns, que naceron, dixo, “co obxectivo de premiar o labor daquelas empresas asociadas que co seu esforzo e dedicación contribúen día a día a crear riqueza e xerar emprego na nosa terra”.

O premio á Tenda de Pepa recolleuno Miguel Triñanes, xerente do negocio (entregouno Javier Caamaño, vicepresidente da ABE). O premio a Studio Moai, pola súa banda, recolleuno Moisés Picón, xente da devandita empresa.

Supermercado Claudio – A Tenda de Pepa

En setembro de 1970 abría súas portas A Tenda de Pepa como lugar de abastecemento e á vez de encontro social dos seus veciños. O establecemento, segundo informou a ABE, é un exemplo de “adaptación aos novos tempos”, ampliando e actualizando as instalacións e servizos pero mantendo “esa esencia e filosofía de tenda de barrio, de lugar de encontro e de atención personalizada”. Este ano celebrouse o 15 aniversario da andaina conxunta coa cadea galega de alimentación Claudio.

Studio Moai

Studio Moai é un proxecto de Moisés Picón, arquitecto de interiores, e varios colaboradores que están en continua busca de novos retos profesionais. Segundo explica a ABE, o Studio Moai destaca polos importantes esforzos aplicados á comunicación cos clientes e, tamén, pola atención a “calquera pequeno detalle ou idea por pequena que poida parecer”. Humildade, talento, un bo equipo así como a satisfacción dos clientes son as bases da proposta.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...