Todo o que quixemos saber da Industria 4.0 para a nosa empresa, este xoves en Boiro

12 Novembro 2019

A Asociación Boirense de Empresarios (ABE) vai acoller esta semana unha oportunidade para poñernos ao tanto dos novos xeitos de producir, xestionar, comunicarnos cos clientes, vender e captar novos usuarios e mercados. Estamos a falar da xornada Industria e Empresa 4.0, As claves da empresa intelixente, que se celebra este xoves 14 de novembro na sede da asociación. A sesión vén da man do Círculo de Empresarios de Galicia, en colaboración co IGAPE, a Asociación para Progreso da Dirección (APD) e o Círculo Financeiro de Galicia.

O programa de actividades, que comeza ás 9.30 horas, inclúe charlas de divulgación pero tamén a posibilidade de formalizar encontros entre os expertos en tecnoloxía e as empresas locais. Nestas sesións de networking e de asesoramento, os especialistas en Industria 4.0 explicarán como empregar e combinar as ferramentas máis modernas con outras xa existentes co fin de axudar aos cambios de modelo de negocio que require o mercado.

Por temáticas, as sesións tocarán cuestións como a robótica, a Realidade Virtual ou Aumentada, a IA (Intelixencia Artificial), a análise da información a gran escala (Big Data), a Impresión 3D, a IoT (Internet das Cousas polas súas siglas en inglés), a cadea de bloques (Blockchain) ou seguridade en liña.

A xornada inclúe un pequeno espazo de exposición. O evento, logo de Boiro, chegará esta tempada a un número reducido de localidades galegas.

Segundo informa a ABE, quen queira acudir ao evento aínda pode formalizar a súa inscrición, xa que aínda fican prazas sen cubrir (para facelo hai que poñerse en contacto coa asociación).

A xornada vai dirixida a empresarios e directivos das PEME locais, representantes de asociacións empresariais sectoriais e clusters, representantes das universidades, laboratorios tecnolóxicos e centros de investigación e desenvolvemento.

Segundo informan as entidades organizacións acerca das posibilidades que se abren coa Industria 4.0, “as tecnoloxías intelixentes ou o uso intelixente da tecnoloxía ofrecen un gran potencial á industria e a empresa en xeral”. Así, engaden, mentres que as revolucións pasadas da enerxía a vapor, a electricidade e a dixitalización das máquinas apoiábanse en novas tecnoloxías, a Industria 4.0 “é diferente”, xa que “se centra máis na forma de utilizar e combinar múltiples ferramentas xunto ás xa existentes de forma que habiliten un cambio nos modelos de negocio”.

Programa de actividades

Café de benvida

Presentación e Benvida

Daniel García Dosil, presidente da Asociación Boirense de Empresarios (ABE).

Aposta pola Industria 4.0 das PEME galegas

Norberto Penedo, director da área de Competitividade de IGAPE

Percorrido polas tecnoloxías habilitadoras da industria 4.0 (intelixente)

· Fabricación aditiva e Impresión 3D // Lucía Míguez, fundadora e CEO de Rysia 3D

· Robótica colaborativa // Aitor Fernandez, responsábel de Desenvolvemento de Negocio e Asistencia Técnica en Robotplus (Universal Robots, MIR e Yamaha Robotics)

· Realidade Virtual/Aumentada (mixta) // Javier Davila, CEO de Këndra

Dinamizador e moderador: Pablo López, desenvolvedor de Negocio de Incotec e fundador de Creatiblock (Blockchain Solutions Architect)

Coloquio coa participación do público

Networking profesional

Encontros tecnolóxicos B2B. Oportunidade para que as empresas locais fagan xuntanzas persoais cos facilitadores (expertos) de tecnoloxías.

Espazo Tech Experience Industria Intelixente.

Mostra de servizos e tecnoloxías. Reais, accesíbeis e aplicábeis.

Outros artigos

Todo listo en Boiro para o inicio da gran Cabalgata

O Concello de Boiro, xunto coa Asociación Comisión Parroquial de Santiago de Lampón, organizan un ano máis a Cabalgata de Reis este luns día 5 de xaneiro. A saída da Comitiva Real está prevista para as 18.00 horas da Magdalena e dirixirase a Boiro por Ponte Goiáns e...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“OTAN o NATO”. Manuel Dominguez III

“OTAN o NATO”. Manuel Dominguez III

¿Para qué sirve? La OTAN, Organización del Tratado Atlántico norte, se creó para que la unión de occidente europeo y norte de América, pudieran defenderse mutuamente si uno de los países fuese atacado, por otra potencia, léase Rusia. El problema surge cuando tenemos...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.