Sae adiante o orzamento municipal de Rianxo para 2019

04 Novembro 2019

Rianxo celebrou na tarde do xoves a sesión plenaria ordinaria do mes de outubro. Primeiramente procedeuse á aprobación da acta do pleno ordinario do 26 de setembro de 2019 e, despois, informouse da dación de conta das resolucións de Alcaldía e actas da Xunta de Goberno. Tamén se informou da sentenza n° 216/2019 do Xulgado contencioso administrativo n°1 de Santiago de Compostela sobre o acordo adoptado pola corporación en apoio á causa palestina. O fallo anula os puntos 1, 2 e 3 do citado convenio, correspondéndose coa declaración de Rianxo como espazo libre de apartheid; non establecer convenio, contrato ou acordo de ningún tipo con institucións, empresas e organizacións ata que Israel recoñeza o dereito á autodeterminación do pobo palestino; e a inclusión no selo Espazo Libre de Apartheid Israelí (ELAI) en virtude da declaración de rede solidaria contra a ocupación palestina. Non obstante, mantéñense catro puntos e non impón costas ao Concello.

A continuación, aprobouse por unanimidade o proxecto modificado do 07/10/2019 sobre a dotación de rede de saneamento no lugar de Burés, fase 1. Seguidamente, procedeuse a abordar o asunto relativo á modificación da ordenanza que regula a taxa polo servizo de recollida de lixo. O concelleiro de Facenda, Tobías Betanzos, informou de que, por resolución da Xunta de Galicia, SOGAMA bonifica unha parte da tonelaxe de lixo que se lle envía, aproximadamente nun 10%, coa condición de que os Concellos beneficiarios repercutan esa baixada na veciñanza. Engadiu que os servizos económicos calculan que Rianxo aforrou 22.433 euros neste 2019 e que no 2020 será de 21.242 euros, o que supón un total de 43.675 euros que se descontarán aos contribuíntes. Isto supón unha baixada no prezo do recibo de ao redor do 8%, polo que cada vivenda pasará a pagar cuadrimestalmente 30’79 euros. A cuestión foi aprobada por unanimidade.

Un dos puntos máis destacados desta sesión plenaria foi o relativo ao orzamento e cadro de persoal de 2019. O concelleiro de Facenda, Tobías Betanzos, expuxo que o presuposto ascendía a 11.527.000 euros, supoñendo un incremento de case 2 millóns respecto ao de 2018 establecido en 9.684.000 euros. Ademais, sinalou que “as variacións son case inexistentes” en comparación ao presentado no mes de maio.

A edil de Ciudadanos, Sara Resúa, indicou que “voulle dar o meu voto de confianza para que, cando lle reclame algo, non teña a escusa de que eu non lle aprobei os orzamentos.” O voceiro de Rianxo en Común, Julián Bustelo, apuntou que “constatamos unha vez máis que as súas prioridades están nas antípodas dos que, na nosa opinión, polo menos, deben ser esas liñas programáticas de acción do goberno municipal”, criticando que algunhas áreas coma a de tempo de ocio e actividades lúdicas están “infrarrepresentadas”, ademais de que, rematando o 2019, “tiñamos que ter xa recibido por parte do alcalde o orzamento para o 2020, para poder aprobalo antes do 31 de decembro.” A este reproche tamén se uniu o popular Germán Allut, precisando que “preferiríamos, en concreto, que se empezara xa a traballar nos presupostos do 2020 para poder estudalos en condicións e en tempo real.” Pola súa parte, a socialista María del Carmen Figueira anunciou que “por cuestións técnicas e para que se poida facer fronte a determinadas cousas que temos que afrontar, imos aprobalos.”

Na súa intervención, o rexedor Adolfo Muíños lembrou que esta cuestión xa se intentara aprobar no mes de maio e enumerou algunhas cifras. Muíños afirmou que “non imos a renunciar a que, en base a un informe técnico, poidamos facer actuacións de aquí a finais de ano que son importantes para os provedores, empresas e cidadanía”, así como que “hai moitos compromisos con investimentos que para nós son irrenunciables.” Finalmente, os orzamentos saíron adiante cos votos a favor do BNG, PSdeG-PSOE e Ciudadanos, a pesar dos votos en contra de PP e Rianxo en Común.

En sétimo lugar, Rianxo en Común presentou unha moción de declaración de apoio aos dirixentes cataláns condenados polo 1-O, aínda que a secretaria municipal advertiu antes do seu debate que o pleno non tiña competencias na materia. A proposta saíu adiante cos votos a favor de Rianxo en Común e cinco concelleiros do BNG, a abstención do PSdeG-PSOE e un edil nacionalista, e os votos en contra de PP e Ciudadanos.

Rianxo en Común tamén levou a pleno unha moción da retirada do anteproxecto de lei da universidade privada de Galicia, retirándose o segundo punto e aprobándose cos votos favorables do BNG, PSdeG-PSOE e Rianxo en Común, así como a abstención de PP e Ciudadanos.

Así mesmo, tratouse a moción presentada pola plataforma social Vía Galega, saíndo adiante cos votos a favor de BNG, PSdeG-PSOE e Rianxo en Común, ademais da abstención do PP e Ciudadanos.

Mentres tanto, a moción presentada por Rianxo en Común sobre a declaración do río Té como espazo natural de interese local quedou sobre a mesa á espera da elaboración dun informe.

Por último, procedeuse coa quenda de rogos e preguntas, incluíndo o motivo polo que a tradición das luces non se pode facer no cemiterio de Rianxo e se só vai ser coas obras ou se prolongará nos vindeiros anos (Ciudadanos); os parches en Barreiras e o tramo cortado durante unha semana (Ciudadanos); o suposto cambio de lugar do Club de Xubilados (Ciudadanos); a revisión dos sumidoiros das rúas do Medio e de Abaixo (Ciudadanos); a busca de solucións para o problema dos excrementos de animais nas beirarrúas (Ciudadanos); a instalación de puntos de luz nas pistas polideportivas xunto a piscina (Rianxo en Común); o arranxo do punto de luz da rúa Brea Segade (Rianxo en Común); o arranxo da estrada nas inmediacións do paseo da Ribeira (Rianxo en Común); a limpeza de beirarrúas (Rianxo en Común); que a xente que traballa na recollida de lixo leve casco (PP); revisión de pistas (PP); e situación da fonte de Rial (PP).

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...