O ribeirense Antonio Piñeiro consegue o seu terceiro galardón literario de 2019

30 Outubro 2019

Antonio Piñeiro (Ribeira 1962), un dos máis destacados escritores galegos da actualidade, vén de sumar un novo recoñecemento ao seu amplo historial de distincións pola calidade e a innovación da súa obra literaria. Estamos a falar da concesión do cuarto Premio Xosé Neira Vilas de novela curta convocado pola fundación que leva o nome do autor de Memorias dun neno labrego e Cartas a lelo.

O xurado do premio, integrado polos membros do padroado da fundación (Juan Andrés Fernández, Rosalía Morlán, Pilar Sampedro e Fernando Redondo), e máis polo crítico e profesor universitario Armando Requeixo, decidiu por unanimidade conceder o dito galardón a Esca do profesor, do ribeirense Antonio Piñeiro Fernández.

O xurado salientou “a calidade do relato”, a súa ambición estética e os camiños de experimentación literaria que deixa abertos (trátase dunha obra en espiral con gran capacidade para xerar un “clima de tensión narrativa”). Tamén enxalzou a riqueza lírica e léxica da novela breve premiada, “unha proposta aberta a diversas interpretacións cun final impactante e iluminador”.

O xurado tamén destacou a alta participación nesta cuarta convocatoria, que acadou os trece orixinais presentados, “a cifra máis alta dende que se creou o premio”. Este será entregado este domingo 3 de novembro, nun acto público na sede da Fundación Xosé Neira Vilas en Vila de Cruces (Gres), coincidindo coa celebración do Día de Neira Vilas.

O galardón dado a coñecer estes días é o terceiro premio concedido este ano ao novelista de Ribeira, logo do XIV Premio Narración Curta Concello de Curtis (por Onde nos leven) e o VII Premio de Novela Curta de Ribeira (por Celada, aínda sen publicar).

A maiores de todo isto, a súa novela breve A través do fume (unha das máis innovadoras e orixinais propostas literarias das nosas letras recentes) foi obxecto, en 2017, do Premio Torrente Ballester. En A través do fume, Piñeiro relata a historia dunha muller que viaxa ao norte de Europa na procura das súas orixes e dun pasado que ten que reescribir a medida que relembra a súa nenez e este proceso de recuperación mestúrase co seu presente en aeroportos, embarques e estacións de tren.

Outros artigos

Corrubedo estrea dúas pistas de tenis

O concello de Ribeira conta xa con dúas novas pistas deportivas para a práctica do tenis. Trátase das dúas pistas estreadas no lugar de Saamil, na parroquia de Corrubedo, onde as seareiras e seareiros deste deporte xa poden xogar e gozar das novas instalacións,...

+

Ribeira reivindica arte local cunha mostra colectiva de 23 artistas

O Centro Cultural Lustres Rivas, espazo vivo de creación e difusión cultural activo dende 2011, acolle este días, por segundo ano consecutivo, unha exposición colectiva de artistas da contorna, fundamentalmente ribeirenses, baixo o título Camiño da arte que está...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

O chipriota Costas Kadis, de 57 anos, será -se así o decide o Colexio de Comisarios- o próximo Comisario de Pesca e Océanos da Comisión Europea- A proposta de nomeamento parte da presidenta deste organismo da UE, Ursula von der Leyen, quen confía en que o político...