
20191016. A sala de xuntas do Concello da Pobra do Caramiñal foi o lugar escolleito polo goberno local, composto por Nós Pobra e PSdeG-PSOE, para facer unha valoración da situación das negociacións co BNG, as cales se atopan actualmente “interrompidas”, segundo expresou o alcalde Xosé Lois Piñeiro.
Respecto ao pleno urxente e extraordinario celebrado o 1 de outubro, o rexedor explicou que se presentaron dúas propostas por separado: a dedicación exclusiva da Concellería de Servizos Sociais, Servizo Municipais e Benestar Animal, así como a contratación de persoal da secretaría da Alcaldía. Deste xeito, afirmou que “a convocatoria do pleno é perfectamente legal e os acordos que se tomaron igualmente, son perfectamente legais.” Neste senso, indicou que o BNG “coñecía perfectamente esta posibilidade, sabía que a renuncia da súa concelleira e concelleiro podían dar lugar a esta convocatoria e nos daban a maioría no pleno, como pasa en calquera pleno do mundo onde a maioría está na diferenza dunha persoa e, incluso, máis, a veces. Se hai ausencias, se poden aprobar asuntos no pleno independentemente de que habitualmente non se desfrute desa maioría”, polo que “é a súa responsabilidade renunciar a poucos meses despois das eleccións.”
Así mesmo, Xosé Lois Piñeiro sinalou que non se pode considerar “unha actuación caciquil”, xa que a dedicación exclusiva e o persoal eventual “está previsto na lei”, engadindo que debe ser a Alcaldía quen propoña a alguén para ese posto, “de feito sería ilegal investir recursos públicos do Concello nun recurso selectivo para contratar a esta persoa.” Incluso apuntou que “está concibido e pensado para que sexa un cargo de características políticas para defender as propostas do goberno que corresponda nese momento.” Desta maneira, consideran que o cualificativo empregado polo BNG “é moi ofensivo e unha falta de respecto a toda a cidadanía que padeceu realmente o caciquismo en Galicia.”
O alcalde manifestou que Nós Pobra asume “por completo” a responsabilidade de convocar esa sesión plenaria, pero non a revocarán, tal e como esixían os nacionalistas.
No que respecta ás negociacións co BNG, incidiuse en que incluíron diversos aspectos. Primeiramente, Xosé Lois Piñeiro precisou que os nacionalistas solicitaron a primeira tenencia de Alcaldía, pero que resultou imposible aceptar porque xa estaba pechado o acordo co PSdeG-PSOE, no que a voceira de Nós Pobra, Charo Varela, sería a primeira e a socialista Patricia Lojo ostentaría a segunda. Polo tanto, ofrecéuselles a terceira, a cal “foi aceptada.” En segundo lugar, requirían a delegación da firma para as súas áreas, a cal “nós non a consideramos oportunas”, aínda que “empezamos a traballar, empezamos a gobernar, e si consideramos que é necesario e que vai mellorar a eficiencia e o funcionamento do Concello, pois delegaremos firmas.” No terceiro punto, aceptouse a entrada na Xunta de Goberno dun concelleiro ou concelleira do BNG. En canto ás dedicacións exclusivas, o rexedor destacou que os nacionalistas solicitaron unha para algún dos edís do seu grupo municipal, pero “nós consideramos que non é imprescindible unha dedicación exclusiva para o BNG polas áreas que leva” mais “decidimos aceptar esa posibilidade.” Segundo declarou, o conflito xurdiu no ámbito da contratación do persoal eventual, amosándose os nacionalistas “contrarios” desde o inicio, “aí empezou o debate e nós intentamos xustificar” pois “daban a entender que era un problema de gasto excesivo para o noso Concello”, demostrándolle que a ausencia deste posto obriga á contratación doutra persoa. Foi entón cando trasladaron a pregunta “o problema é que sexa un referente de Nós Pobra? E a contestación, evidentemente, foi que si”, acabando cedendo os nacionalistas “pero que tiña que ser de maneira consensuada.” Ademais, engadiu que foi o BNG quen se levantou da última mesa de negociación.
O alcalde expresou que “o pleno, para ben ou para mal, vén a romper esa situación” de bloqueo, insistindo en que o persoal eventual continúa sen estar contratado e sen existir unha proposta en firme, constituíndo “un xesto moi claro de cara a que queremos seguir negociando. E anuncio que Nós Pobra tamén vai a ceder porque non vamos a permitir que iso sexa o problema, o atranco, que impida un goberno de coalición co BNG, polo que vamos a intentar consensuar esa persoa”, a pesar de que entenden que é difícil atopar alguén que sexa neutral e “comprometida, polo menos, coa esquerda.” Así, Nós Pobra invita novamente ao BNG a sentarse e negociar, procedendo ao envío dun convite formal por escrito á asemblea nacionalista.
Pola súa parte, a socialista Patricia Lojo subliñou que o PSdeG-PSOE sempre votou a favor deses puntos porque “este pleno tamén era necesario para desbloquear un pouco a situación política que había nese momento. E que é algo legal e que non se aproveitou para nada de levar cousas que nunca se levaron.” Por isto, entenden que “non o debemos revocar”, incidindo en que hai que pensar na gobernabilidade do municipio. Tamén recalcou que “o resultado electoral lle dou ás esquerdas unha maioría. Eu creo que iso sería o importante e que o BNG fixera esa lectura. E co que Nós Pobra está disposto a ceder, pois que se senten e que dialoguen.”
Finalmente, tal e como concretou Xosé Lois Piñeiro, o PSdeG-PSOE non está incluído nestas negociacións porque “Nós Pobra o que está facendo é respectar punto por punto o acordo que firmamos con eles. As súas áreas non se van a tocar.”