O Colexio A Milagrosa de Oleiros celebra os seus 90 anos como referente educativo e solidario do Barbanza

30 Outubro 2019
O equipo docente do colexio nunha imaxe de grupo

Entrar no Colexio A Milagosa – Josefa Sobrido de Oleiros é entrar nun importante capítulo da historia docente de Barbanza e de boa parte de Galicia. É así por varios motivos: polos seus noventa anos de historia (case un século acubillando diferentes xeracións de escolares e nalgúns casos, ao longo do tempo, os integrantes dunha mesma familia), porque polas súas dependencias teñen pasado nenas e nenos dos nosos concellos, de Galicia enteira e mesmo doutras comunidades autónomas e porque o incansábel traballo dinamizador das Fillas da Caridade e do corpo docente ten xerado non pouca implicación social, formativa e relixiosa na súa contorna.

O patio de recreo principal do centro escolar

O colexio naceu na recta final dos anos vinte do pasado século con vocación de axudar ás familias que o precisaban. Isto, malia os cambios experimentados polo tecido educativo e social galego (agora o colexio, que é concertado, non pode elixir as alumnas e alumnos que se matriculan cada ano), a vontade solidaria segue estando presente e segue a ser unha das principais motivacións da comunidade directiva e docente. Nada máis comezar a nosa conversa con Sor Agustina Cerezal, directora titular do centro, quédanos claro que hai futuro para o espírito que alentou os primeiros pasos do centro en 1929 (a doazón dos terreos de Josefa Sobrido ás Fillas da Caridade de San Vicente de Paul; despois a construción do primeiro edificio nos terreos, un predio de pequenas dimensións que comezou a súa actividade dando acollida a nenas orfas e de familias con necesidades, do que xa non queda rastro material pero si, definitivamente, inmaterial).

Este futuro está garantido tamén por unha capacidade de atraer alumnado de todo Barbanza (principalmente) que non semella verse diminuída polos procesos demográficos que atravesa a sociedade galega (a caída da natalidade). De feito, o colexio conta hoxe en día con máis de 300 nenas e nenos, unha cifra moi próxima ao que ten sido o pico de matriculacións no centro.

A dirección está constituída por sete irmás da orde de San Vicente de Paul e por dúas ducias de docentes laicos. Respecto da formación en si mesma, achéganse aulas de Infantil (tres unidades), Primaria (seis unidades) e Educación Secundaria Obrigatoria (catro unidades). Polo que respecta ás instalacións, aparte das aulas e dos terreos de gran extensión nos que se empraza o colexio (que inclúe terras de labranza e amplos espazos abertos para o lecer), este dispón dun amplo patio exterior para os escolares de Primaria e ESO, un patio propio para Infantil, un polideportivo cuberto, un campo de fútbol exterior, aulas de informática e tecnoloxía, biblioteca, laboratorio, aula de música e zonas de lecer infantil, plástica, usos múltiples e fortalecemento educativo.

O recanto de lecer para as nenas e nenos de Infantil

O recinto, ademais, tamén inclúe as vivendas das Irmás e unha ben coidada capela, recentemente remodelada e restaurada (as teitumes de madeira, os retablos), na que están soterrados o histórico político galego Antonio Romero Ortiz e a súa sobriña Josefa Sobrido, quen foi a responsábel da doazón, hai 90 anos, dos terreos ás Fillas da Caridade.

“Se chegamos a este punto, logo de case un século de traxectoria educativa”, comenta Sor Agustina, “é polo importante traballo das persoas que traballaron aquí ao longo do tempo, que foron as grandes artífices da evolución do colexio e da incorporación de novos edificios e servizos, do seu mantemento ao longo das décadas e da adaptación das infraestruturas aos novos requirimentos e demandas educativas e da sociedade”. Segundo recalca, o que podemos ver hoxe en día do centro educativo de Oleiros “é obra integral das Irmás da Caridade”.

A propiedade do colexio inclúe unha ampla extensión de zonas naturais de lecer e de labranza

Un pouco máis de historia

O Colexio ten a súa orixe na fundación instituída en San Martiño de Oleiros por Josefa Sobrido en 1917. No seu testamento dispuxo a súa vontade de crear unha escola católica de nenas e que foran as Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl as que estiveran á fronte dela, sendo esta orde relixiosa unha das que en España se adicaban ao ensino naquel tempo, “e moito menos á docencia para escolares de familias con escasos recursos”, segundo explica a directora titular do centro, que salienta o feito de que a devandita fundación iniciase oficialmente a súa actividade o 29 de outubro de 1929, cando foi clasificada como benéfica-docente por orde ministerial.

Relativamente cedo, A Milagrosa de Oleiros pasou de ser unha institución pequena a converterse nun importante centro educativo e de dinamización cultural, social, relixiosa e divulgadora. En determinado momento da súa historia, mesmo funcionou como internado de nenas, rematando esta etapa da súa historia a mediados da década dos oitenta. “Moitas delas”, explícanos a directiva do colexio, “viñan de Asturias, León e doutras comunidades autónomas, das concas mineiras, e pasaban entre nós boa parte do ano, pola imposibilidade, naqueles tempos, de viaxar con frecuencia aos seus lugares de residencia”.

A tumba de Josefa Sobrido, na capela anexa ao colexio

Ao longo das décadas, o centro docente foi evolucionando a medida que evolucionaba a sociedade galega, incorporando persoal educativo laico, incluíndo métodos de admisión de alumnado propio dos centros concertados e pasando de estar adscrito ás disposicións do Goberno central a atender as disposicións da Administración autonómica (Consellería de Educación).

O histórico político Romero Ortíz tamén está soterrado na capela

Malia o paso do tempo, as Fillas da Caridade queren salientar que houbo moitas cousas orixinarias que se manteñen vivas, por exemplo a vontade de axudar a quen o precisase: “Agora un colexio concertado non pode antepoñer, nas matrículas, as alumnas e alumnos con meirandes necesidades, pero continuamos tendo esta arela de axudar e contribuír ao ben común, dispoñendo o preciso para solucionar as carencias que poidan ter algúns escolares, ou tentando mellorar o día a día da veciñanza do colexio, axudando á xente maior da contorna, mesmo con visitas a domicilio, e traballando a nivel parroquial e relixioso coa nosa comunidade”.

Outros artigos

O Concello de Ribeira reforza o alumeado público na rúa de Galicia

O Concello de Ribeira informou dun reforzamento do alumeado público nalgunhas contornas do centro urbano da cidade, concretamente no treito da rúa Galicia comprendido entre o Mercado Municipal e o cruzamento co Parque García Bayón. Segundo informaron fontes do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

Fóronse onte pola madrugada e arestora aínda non chegaron. Montaron nun avión para ir a “non seionde” e, despois, un tren de longo recorrido levaríaos a outro aeroporto,  para seguir o seuprograma de turismo ofertado por unha das máis importantes axencias de turismo...

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

Este xoves foron recuperados outros dous cadáveres supostamente doutros tantos obreiros da maior infraestrutura marítima de Baltimore, considerada a de máis lonxitude de Estados Unidos, que foi derrubada o pasado martes polo portacontedores "Dalí", que bateu contra a...