A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, arrancou o mitin en Boiro instando á veciñanza do Barbanza a confiar na formación para “darlle voz propia a esta comarca” no Congreso tras os comicios xerais do 10 de novembro, “e facer o que sempre fixemos: defender os intereses dos galegos e das galegas, sen importarnos quen se sente na Moncloa, fronte a unhas forzas políticas estatais que se alternan na discriminación a Galiza.”
Pontón recalcou que “hai que saír da irrelevancia política a que nos condenan as forzas estatais”, ademais de “pelexar polo noso” facendo referencia aos vascos, cataláns, canarios, valencianos e cántabros. Segundo apuntou, “nin PP, nin PSOE nin Podemos, -como comprobamos cando pactaron con Sánchez os peores orzamentos do Estado para este país en vinte anos-, defenden este país. O problema non é só que decidan por nós, e que deciden contra nós.”
A voceira nacional indicou que o sector da pesca, do marisqueo e o conserveiro son “boa mostra das consecuencias de non ter peso político no Estado.” Tamén criticou as federacións galegas do PSOE e do PP, así como os novos partidos “que lle sirve de complemento”, aducindo aos “23 deputados e deputadas que non abriron a boca nin unha soa vez para dar a cara por este país, nin por esta comarca, ao contrario, limítanse a defender aos seus xefes de filas de Madrid.”
Nun escenario sen maiorías absolutas, cualificou aos deputados e deputadas do Bloque como “decisivos”, engadindo “e que ninguén o dubide, Néstor Rego non vai ir ao Congreso para formar parte desa procesión dos caladiños, vai colocar os problemas do Barbanza na axenda do Estado.”
Pontón destacou as propostas do BNG, entre as que figuran acabar coa discriminación laboral das traballadoras da conserva, negociando un convenio netamente galego para a conserva; promover un convenio colectivo para os traballadores da pesca; anticipar a xubilación das mariscadoras aumentando os cocientes de redución; recoñecer como doenzas laborais as que sofren as mulleres do mar; e defender en Madrid o dereito a pescar da frota galega cun reparto xusto das cotas pesqueiras.
A líder nacionalista subliñou o potencial produtivo do Barbanza, cunha das rías “máis ricas do mundo” dentro de Galicia, potencia produtiva en pesca, marisqueo e acuicultura e cun punteiro sector da conserva, segundo precisou.
Neste senso, proclamou que, para aproveitar todo o potencial citado, “hai que facerse valer no Estado”, concluíndo que “hoxe son maioría as persoas que saben que este país perde se o BNG non está no Congreso e van aproveitar o 10N para acabar con tanto ninguneo e pasotimo con este país. Imos marcar a diferencia a favor do Barbanza e a favor de Galiza.”
Pola súa banda, o candidato ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, afirmou que o Bloque “é o verdadeiro voto útil, xa que a estas alturas fica máis claro que nunca que as forzas españolas esquecéronse totalmente de Galiza.”
Así, o candidato nacionalista asegurou que os comicios supoñen unha segunda oportunidade para acadar “unha voz forte e libre que reclame plena capacidade para decidir sobre o noso, sobre os nosos recursos, sobre os nosos impostos e sobre o noso futuro, que reclame unha Galiza soberana.”
Rego sinalou que “vainos a vida en que a Galiza reaccione fronte a esta situación e se erga en defensa dos seus dereitos, fronte aos que nos espolian, aos que destrúen as nosas oportunidades de futuro, aos que nos negan como pobo”, defendendo que a presenza do BNG en Madrid significará “unha voz sólida na defensa de investimentos; dos postos de traballo; contra o desmantelamento industrial; a favor de salarios e pensións dignas; do dereito a pescar, a producir e a non ter que emigrar.”
Néstor Rego tamén se amosou convencido de que obterán representación no Congreso porque “cada vez son máis as persoas que chegan á conclusión de que só unha forza netamente galega, nacionalista, sen ningún tipo de dependencia exterior, garante voz propia que defenda os intereses do pobo galego.”