O BNG de Boiro celebra un acto público coa vista posta nas eleccións xerais do 10-N

A Pousada da Galiza Imaxinaria dará cabida mañá, martes 29, ás 20.30 horas, a un acto público convocado polo BNG de Boiro co obxectivo de dar a coñecer o programa electoral de cara aos comicios xerais do 10 de novembro. Alí daranse cita a voceira nacional do BNG, Ana Pontón; o candidato ao Congreso, Néstor Rego; o candidato ao Senado, Xosé Deira; a ex-deputada no Congreso, Rosana Pérez; e a voceira do BNG local, Raquel Suárez.

Carlos Ansoar, concelleiro do Bloque en Boiro, manifestou que con este acto iníciase a presentación da campaña e trasládase o contido do programa electoral, reclamando que “se cumpra o Estatuto de Autonomía.” Ansoar apuntou que, coa representación da formación nacionalista na Cámara Alta e Cámara Baixa, búscase “cumprir con todas as demandas que levamos moitos anos detrás de elas”, facendo referencia á transferencia da AP-9, ademais de que “traballaríamos e loitaríamos por conseguir esas cousas como así temos demostrado.” Algunhas das medidas que recolle o programa son lograr a tarifa eléctrica galega, incrementar os orzamentos para a dependencia, investimentos ou ecoloxismo e medio ambiente, entre outras. No que respecta á candidatura de Deira, o edil destacou que “pasou por tódalas Administracións posibles, foi alcalde en dúas ocasións e é un referente, non só a nivel de Boiro e comarcal, senón a nivel de país. De feito, por iso, tódolos compañeiros do BNG escollérono unha vez máis para que poda representar os intereses galegos alí a onde vaia”, constituíndo “un orgullo para todos nós.” Así mesmo, precisou que “conseguiu uns resultados espectaculares nas anteriores eleccións e nestas esperemos que non sexa menos.”

Pola súa parte, Xosé Deira expresou que se sinte “moi orgulloso e moi agradecido” polo apoio recibido por parte dos seus compañeiros de partido e da cidadanía, mencionando os votos conseguidos en Boiro e na provincia da Coruña. Tamén indicou que “esperemos e estamos seguros que o Bloque si que vai estar en Madrid, que se formará goberno, que Galicia estará presente porque cando o Bloque está en Madrid, os problemas de Galicia están en Madrid.” Neste senso, amosouse convencido de que acadarán representación. Deste xeito, perseguen “non formar só parte do Estado para cotizar, senón tamén para ser beneficiados polo reparto”, aducindo que “Galicia recibe o 6% menos do que aporta.” Deira rematou a súa intervención insistindo en que “Galicia necesita ser oída e necesita voz propia alí onde se toman decisións.”