Jacobo Otero Moraña: “Hai que atrapar ao lector e contarlle unha historia que se saia do oficial”

21 Outubro 2019

20191021 O autor de éxito que é hoxe o ribeirense Jacobo Otero Moraña non se entende sen o Jacobo Otero Moraña que foi onte. En O Barbanza quixemos afondar nos porqués dos argumentos das súas intrigantes e apaixonantes novelas, nas orixes de todo, e tamén nas obras (novelas, relatos, proxectos, homenaxes) que virán, por iso aproveitamos a nosa amizade con Jacobo para acribillalo (no sentido menos terrorista do termo) coas nosas preguntas…

Jacobo, nas entrevistas vemos que figuras como natural de Santiago, pero aquí en Ribeira todos te consideramos veciño noso…

-Ante todo, eu sempre me sentín ribeirense. E non o digo por quedar ben de cara a entrevista. Aínda hoxe, cando me preguntan de onde son, respondo sen dubidalo: de Ribeira. Pero da mesma maneira, non podo negar que nacín en Santiago, e se digo outra cousa minto, algo que non é meu estilo. Coido que moita xente xa o sabe, pero por parte da miña nai, a familia é de Ribeira. Incluso por liña paterna, que efectivamente son composteláns, non só meu pai, senón dúas das súas irmáns, casaron en Ribeira. Miña tía Teresa era moi coñecida, e moi boa profesora no Colexio Galaxia. E tamén Pili, que non só deu clase senón que durante un tempo foi directora do instituto de FP.

Así que xa ves. Son moitas cousas as que me unen a Ribeira. Se cheguei ó mundo en Santiago foi por mor de que meus pais vivían e traballaban ambos alí. Tamén a que nacín de luns (xa apuntaba maneiras no de tocar as narices), porque era común que as fins de semana estivésemos sempre na casa da Rúa de Galicia. Meus recordos de infancia están moi aparellados a dita casa. E a acompañar ao meu avó á cabina cando probaba as películas antes de proxectalas. Iso de poder desfrutar do cine dende pequeno é algo máxico. Penso que son un privilexiado.

Jacobo, xa levas escritas cinco novelas e seguro que tes algunha máis na bandexa de saída…

Ademais das cinco novelas, tamén están publicados outros seis relatos nas súas correspondentes antoloxías, onde comparto páxinas e cartel con outros autores. Precisamente tres dos relatos presentáronse a concurso, e sempre recibiron recoñecemento. El Pescador quedou terceiro no concurso Trappist, e Equipo de limpieza gañou a convocatoria El Asesino no es el mayordomo. Pola súa parte, La corbata del abuelo rematou cuarto no concurso Navidades, bien o en familia. Todos están editados por Esstudio Ediciones.

Nestes intres, están a piques de ver a luz dúas novas creacións. Unha novela ambientada na Roma clásica, se ben non pretendo que se lle dea a cualificación de “histórica”, e unha antoloxía de relatos.

O primeiro leva por título Brumas octavianas, e centrase nos últimos sete anos do goberno de Octavio Augusto. Foron case cinco anos de investigación moi seria, e se o libro gusta os lectores, teño pensado continuar cos seguintes emperadores da dinastía xuio-claudia ata chegar a Nerón, que foi o derradeiro. Sen adiantarvos moito máis sobre o asunto, si dicir que unha persoa con recoñecido prestixio no noso pobo foi quen de facer o prólogo desta novela.

En canto á obra de relatos chámase Kuklós, e no propio título está a clave do que o lector atopará no seu interior. Dicir que o libro vai adicado os meus amigos Antonio Callón e María Gago, ambos falecidos por culpa do cancro. Xunto os seus fillos acordamos a portada e a foto de contraportada, e xa avanzo que todos os beneficios que xere esta obra doaranse de forma íntegra á AECC.

-Todas as túas novelas teñen un punto de intriga e todas teñen en común o feito de atrapar ao lector nada máis introducirse na súa lectura, dende o primeiro parágrafo. Poderíase dicir que son as distintas partes dun todo?

-Cada autor vai configurando o seu estilo e o meu é ese. Quero que a xente pense despois de ler. Vale que o primeiro segue sendo entreter, xa que do contrario, un pode escribir unha marabilla, que ao final acaba cubrindo oco nun andel ou calzando un sofá. Pero se consegues atrapar ao lector e contarlle unha historia de maneira que se sae do oficial, xa estás no bo camiño. Con todo meu respecto a quen crea outro tipo de historias, sempre lembro a conversa cun amigo respecto de esa película que case todo o mundo vimos e que non deixa de ser o típico conto de “chica coñece chico”. Fáloche de Titanic. Todos sabemos dende o principio que o barco vai a pique. E pese a todo, aí estás tres horas na butaca. Pois eu quería saír do que todo o mundo xa sabe (ou cree saber),e de aí que sempre introduza cousas que o lector non espera. En calquera caso, e como unha vez me preguntou un entrevistador non me considero nin moito menos un “conspiranoico”.

-Unha das túas novelas de meirande éxito, Operación Sidi, propón unha realidade preocupante na que boa parte de nós reparamos un pouco de maneira inconsciente: se os terroristas que perpetraron os atentados do 11-S foron quen de facer o que fixeron, nada indica que outros igualmente preparados e equipados non poidan chegar a cometer un atentando como mínimo igual de devastador e dramático…. Que che levou exactamente a escribir esta novela?

Operación Sidi é a miña ópera prima a nivel de gran narración. Como ben sabes, gañou o cuarto Certame de Narrativa Grupo Éride, cousa que me supuxo unha gran sorpresa xa que eu nin sequera sabía que estaba competindo. A historia xurdiu dentro de min, e penso que a razón de ser foron as circunstancias especiais nas que vivín a xornada do 11-S. Os da nosa xeración, penso que temos na nosa mente dúas datas moi vívidas nas nosas cabezas. A noite do nove de novembro de 1989, cando cae o Muro de Berlín, e o 11 se setembro de 2001. Se unha supón un cambio radical que rompe a dinámica de confrontación que vivira o mundo dende a fin da II Guerra Mundial, os atentados do WTC e o Pentágono marcan outra fractura que algúns xa definen como o comenzo da III Guerra Mundial. Unha guerra que xa non se libra en campos de batalla definidos nin exércitos convencionais, pero non por iso menos virulenta. Non hai mais que botar unha ollada aos derradeiros dezaoito anos e enseguida vemos que as cousas non van ben. As crises económicas cíclicas e o abandono masivo de proxectos que deberían ser unha realidade fai décadas teñen moita relación con eses atentados. O mundo non volveu a ser o mesmo, e dubido moito que volva selo. Por iso escribín este libro. E da mesma maneira, as consecuencias dese 11-S seguen sendo o fío condutor das tramas de Expediente Othalan e La espuela del dragón.

Volvendo ás cuestións máis persoais, hai xa tempo que non volves a Galicia e a Ribeira. Traballas en Almería para a Axencia Tributaria Española. Tes pensado regresar en breve, se cadra para a presentación da túa nova novela?

Levo xa moitos anos fóra, e a diferencia doutros paisanos teño que admitir que non sinto morriña. Cousa distinta e que, como din algúns, volvérame andaluz. Para nada. Eu son e serei sempre galego e barbanzán. Proba disto é que moitos dos meus personaxes son tamén galegos e algún, descendente de emigrantes. E por riba de todos, o inspector Freixanes, protagonista de El Instructor, non deixa de ser un trasunto de min mesmo. No que respecta a presentacións, aínda non teño datas en ningún lado, pero si se dan as circunstancias, Ribeira estaría no itinerario.

-Como compaxinas o teu traballo, que non parece precisamente sinxelo nin relaxado, coa túa afección por escribir novelas de argumentos traballados e múltiples detalles milimetricamente construídos?

O meu traballo é apaixonante e é certo que obriga a que un estea ao cen por cen. Ben sabes que non son un funcionario de despacho con quenda de oito a tres. Pero cando un ten ganas de facer cousas, sempre atopa un momento. As veces róubaslle un pouco de tempo ó sono. Outras, se trata de aproveitar os ocos. Mentres que haxa xente que adica o tempo a navegar nas redes sociais, xogar ao Candy ou ver telenovelas (todo respectable ao cento por cento), eu investigo e logo trato de plasmalo en papel.

Para as persoas que queiran introducirse no teu traballo e deixarse enganchar por algún dos teus libros, cal que lle recomendarías para iniciarse?

Cando me preguntan iso sempre lle digo á xente que empece pola primeira, Operación Sidi. Pero se alguén non gusta de adentrarse nunha trama complexa cun escenario internacional, sempre pode empezar por El Instructor. Esta é unha novela mais de andar por casa, con trama policíaca e desenvolvida nun escenario tan interesante como é a illa de Menorca. Xa si o lector se engancha, aí están o resto das creacións.

Como e de que maneira se acendeu no teu interior o lume da creación? Dirías que é un lume que nunca se apaga? Escrebes, creas, mesmo cando traballas?

-O lume de creación é algo que debe acompañar ao artista con independencia do ramo que toque. Dá igual escritura, música, pintura, escultura, teatro, cinema… o que queiras. Se tes ilusión, as cousas van para diante. Se o fas obrigado, esa espontaneidade que debe rezumar na obra non xorde, e entón nace coxa. Sempre o dixen… O día que non me ilusione o que fago, deixo de escribir… Cada libro é máxico e único en si mesmo. Nunca unha máquina de facer churros.

Outros artigos

“Parar e reflexionar. Continuar ou renunciar?” – Antón Luaces

Nunca vivimos na España democrática posterior ao franquismo unha situación semellante: un presidente do Goberno, elixido pola maioría -exígua, pero maioría- do Congreso dos Deputados formula o que, para min, non é outra cousa que o plebiscito ou refrendo público para...

+

“La derecha no muerde”. José Castro López

Hace un año, el presidente Sánchez cumplimentó a Giorgia Meloni, jefa del Gobiernode Italia, en visita protocolaria. Ambos intercambiaron palabras amables y elogiosmutuos -diplomacia de libro-, hablaron de problemas comunes, como la inmigración -curiosamente ahora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Medo e decepción” – José Manuel Pena

“Medo e decepción” – José Manuel Pena

Segundo a ONU, as enquisas de opinión pública en todos os países coinciden en sinalar que os cidadáns non se senten representados polos seus gobernos e teñen unha pésima opinión da honestidade e sentido do servizo público dos políticos e votan máis en contra do que...