
20191003. A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar os datos correspondentes ao mes de setembro sobre o paro en Galicia. Nos catro concellos que conforman Arousa Norte, prodúcese unha subida en A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo, mentres que baixa en Ribeira. Respecto ao mes de agosto, en Ribeira houbo 25 parados menos. Boiro lidera a perda de postos de traballo con 57 desempregados máis en comparación ao mes previo, A Pobra do Caramiñal con 31 e Rianxo con 29. Polo tanto, produciuse un aumento de 92 persoas que quedaron sen traballo. Isto débese, en boa medida, á finalización de parte daqueles contratos propios da época estival que se prolongaron ata o mes de setembro. Deste xeito, refléxase un total de 3.130 desempregados, dos cales 1.156 correspóndense con Ribeira, 449 coa Pobra, 958 con Boiro e 567 con Rianxo.
Tamén se observa un número moito máis elevado nos parados maiores de 25 anos en comparación aos que non superan esa idade. Así, en Ribeira confróntanse os 1.105 aos 51, na Pobra os 431 aos 18, en Boiro os 888 aos 70 e en Rianxo os 537 aos 30. O mesmo sucede en canto aos sexos, pois hai máis mulleres desempregadas ca homes. En Ribeira confróntanse as 745 aos 411, na Pobra as 268 aos 181, en Boiro as 594 aos 364 e en Rianxo as 356 aos 211.