
20191011. Boiro celebrou na tarde de onte o pleno ordinario correspondente ao mes de outubro coa ausencia dun edil do PP. O grupo municipal Boiro Novo presentou unha moción relativa ao establecemento dunha liña de axudas para a compra de libros e material escolar, así como o aumento de prazas con dereito a axudas nos comedores escolares. Este punto saíu adiante cos votos a favor de Boiro Novo, PP, BNG e Ciudadanos, así como a abstención de IC Boiro e a pesar dos votos en contra do PSdeG-PSOE.
Outra das cuestións a tratar foi a moción presentada polo BNG sobre a municipalización do complexo deportivo de A Cachada, a cal foi aprobada por unanimidade eliminando o segundo punto correspondente coa suspensión de calquera inversión “que teña como finalidade a ampliación da infraestrutura municipal en tanto non se proceda á súa municipalización, limitándose a realizar no Complexo Deportivo da Cachada aquelas actuacións que teñan como único obxectivo o seu mantemento e sexan imprescindibles para que os usuarios e usuarias da mesma poidan facer un uso destas conforme ao que sería un correcto funcionamento do servizo.”
Tamén foi aprobada por unanimidade a moción dos nacionalistas en relación á adopción de medidas que contribúan a corrixir o “mal uso” das rúas e espazos peonís por parte dalgúns usuarios de vehículos, así como a colocación de sinais de identificación de existencia dunha vía de carácter peonil.
Na quenda de rogos e preguntas, o voceiro de Ciudadanos, Carlos Rodríguez interesouse pola actuación anunciada polo goberno local sobre a tala dunhas árbores no entorno de A Cachada, solicitando a busca dunha alternativa para evitar dita situación. O tenente de alcalde, José Luís Ruiz, sinalou, en relación aos eucaliptos, que “as árbores son cada vez de máis porte, máis grandes. O lugar onde están implantados perde máis terreo e iso implica un problema de seguridade para o propio complexo deportivo.” No que respecta a un carballo, Ruiz apuntou que ten algunha das súas ramas sobre o teito do complexo deportivo, caendo o froito e “obstruíndo caños e sumando un peso á estrutura propia”. Neste caso, procederase unicamente á tala daquelas ramas que afectan ao recinto. Así mesmo, engadiu que se atopan estudando a retirada duns pinos vellos co obxectivo de “eliminar a perigosidade.” Do mesmo xeito, precisou que, de producirse a tala, procederase á plantación de especies autóctonas.
Ademais, Boiro Novo quixo coñecer as actuacións e planificación do goberno sobre o equipamento de desfibriladores nos espazos municipais; o expediente de Boiro Mar; e os criterios a seguir nas comunicacións a través das redes sociais do Concello “para que non sexa unha rede de propaganda exclusiva do goberno municipal”, tal e como expresou a concelleira Dores Torrado.
Pola súa parte, a voceira do BNG, Raquel Suárez, preguntou a razón da ausencia de representación do Concello na xuntanza que houbo esta semana para acabar cos vertidos que afectan á ría de Arousa.