
A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, e o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, presidiron esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade, na que, entre outros acordos, decidiuse reactivar a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero neste municipio. Segundo indicaron fontes gobernamentais, non se reunía desde o 2009.
Esta mesa de coordinación é un instrumento operativo de traballo no que están representados tódolos ámbitos municipais implicados, directamente ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero, tales coma representantes do Concello, Subdelegación de Goberno, Forzas e Corpos de Seguridade, así como membros dos servizos sociais e doutras institucións, estamentos e servizos que poidan gardar relación coa loita contra esta lacra. A esta xuntanza tamén asistiron representantes da Garda Civil, Policía Autonómica e Policía Local.
A subdelegada Pilar López-Rioboo destacou a lealdade institucional, receptividade e colaboración do Concello de Boiro e do seu alcalde para incrementar tanto a coordinación coma a propia loita contra a violencia machista no municipio, optimizando tódalas ferramentas que existen para traballar neste eido.
No encontro quedou reflexada a vontade do Concello de estudar a incorporación da Policía Local ao sistema de prevención e control das vítimas VioGén.
Por outra parte, os representantes das Forzas de Seguridade do Estado informaron da evolución estatística relativa á seguridade cidadá no municipio, na que se constatou unha lixeira melloría dos índices de criminalidade neste ano respecto ao 2018. Neste senso, apuntaron a un descenso dun 7% en roubos e furtos e un aumento en delitos vinculados á actividade na Internet.
Tanto a subdelegada do Goberno coma o rexedor amosaron a súa satisfacción pola boa coordinación das forzas de seguridade, a cal se manifesta como principal causa deste descenso.