A Xunta convida aos establecementos do Barbanza a adherirse á Rede de Comercios e Mercados no Camiño

17 Outubro 2019

20191017. A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, informou hoxe en Ribeira da convocatoria para poñer en marcha a nova Rede de Comercios e Mercados no Camiño, unha iniciativa á que convidou a unirse aos comerciantes da comarca do Barbanza, pois “estamos convencidos de que vamos poder poñer en marcha campañas de dinamización, actividades de promoción e facer que se visibilice ese camiño marítimo.” Esta proposta permitirá potenciar as vendas do comercio de proximidade dos 138 concellos polos que transcorren as diferentes rutas de peregrinación, ao tempo que servirá para mellorar os servizos que estes establecementos prestan aos peregrinos.

Tal e como sinalou Vázquez Abeal no encontro, organizado en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago, poden sumarse a esta Rede de xeito gratuíto tanto os establecementos comerciais como as asociacións de vendedores de prazas de abastos. Ademais, as agrupacións de comerciantes locais poderán solicitar a adhesión en nome dos seus asociados. O primeiro prazo para facelo permanecerá aberto ata o 8 de novembro.

Pola súa parte, o concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo, Promoción e Dinamización Económica de Ribeira, Ramón Doval, manifestou que “este proxecto é moi necesario porque, non cabe duda, que a marca Xacobeo é unha marca que interesa”, o cal contribuirá a “dinamizar e axudar aos comerciantes da zona para atraer a máis clientes.”

A tenente de alcalde ribeirense, María Sampedro, subliñou que “esta nova campaña de Mercados no Camiño tamén vai servir para reforzar un pouco ese camiño marítimo no que nós nos encontramos ubicados, e que aínda non ten esa visibilidade que cremos que debería ter.”

Na súa intervención, Sandra Becerra, da Cámara de Comercio de Santiago, expresou que “a unión fai a forza, independentemente case non vamos a ningún lado. O obxectivo último de Comercios e Mercados no Camiño vai a ser poder unificar esforzos, facer o noso pequeno comercio máis forte, porque é a única forma de ser competitivos.”

Os establecementos que se adhiran á Rede recibirán un paquete de benvida con distintos elementos promocionais para os seus clientes e un distintivo identificativo para o local. Así mesmo, poderán beneficiarse das diferentes actuacións de dinamización que se leven a cabo en torno á Rede para apoiar a celebración do Xacobeo 2021, co obxectivo de animar tanto aos peregrinos como aos veciños das vilas e cidades a consumir produtos de proximidade no comercio local.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria busca, por un lado, a dinamización comercial do Camiño, potenciando as vendas e a visibilización dos comercios e mercados situados nos Camiños de Santiago; e, por outra banda, mellorar os servizos comerciais ofrecidos aos camiñantes e que estes manteñan a súa relación de clientes a través dos diferentes canais online de comercialización cando volvan aos seus lugares de orixe.

A orde que regula a adhesión de establecementos a esta Rede inclúe tamén unha convocatoria de axudas de ata 2.800 euros por beneficiario para que os comercios adheridos que así o desexen editen coa imaxe da Rede de Comercios e Mercados no Camiño solucións en material biodegradable de empaquetado exterior, tanto para o seu envío como para a presentación do produto, protección ou para o seu consumo. Tamén poderán obter apoios para a edición personalizada de selos para as credenciais dos peregrinos.

Por outra banda, a directora xeral de Comercio e Consumo expuxo que, posiblemente, Correos se integre nesta Rede ofrecendo dous modelos de caixas, a un prezo determinado, para que os visitantes poidan enviar aos seus lugares de procedencia tódalas compras realizadas, pretendendo incentivar así a venda.

Esta iniciativa coincide coa directrices que se tratan de desenvolver a través do Comercio 360, unha proposta que responde aos cambios que a dixitalización e os novos hábitos de consumo están introducindo no sector, anticipándose así ás necesidades dos consumidores.

Ademais, recolle un dos principais obxectivos do Plan Estratéxico do Xacobeo 21, que pasa por facer deste evento a panca de cambio da Galicia da próxima década, impulsando non só a vertente reflexiva e cultural desta celebración, senón permitindo, ademais, o desenvolvemento económico e a dinamización dos concellos polos que discorren os diferentes Camiños, maioritariamente no rural.

Outros artigos

Teatro Airiños organiza unha nova edición das Veladas de Primavera

A histórica compañía rianxeira Teatro Airiños vai organizar esta tempada tres fins de semana de actividades culturais na parroquia de Asados: as Veladas de Primavera. O ciclo desenvolverase na dita parroquia rianxeira, coa colaboración do Concello e máis da Deputación...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Parar e reflexionar. Continuar ou renunciar?” – Antón Luaces

“Parar e reflexionar. Continuar ou renunciar?” – Antón Luaces

Nunca vivimos na España democrática posterior ao franquismo unha situación semellante: un presidente do Goberno, elixido pola maioría -exígua, pero maioría- do Congreso dos Deputados formula o que, para min, non é outra cousa que o plebiscito ou refrendo público para...

“La derecha no muerde”. José Castro López

“La derecha no muerde”. José Castro López

Hace un año, el presidente Sánchez cumplimentó a Giorgia Meloni, jefa del Gobiernode Italia, en visita protocolaria. Ambos intercambiaron palabras amables y elogiosmutuos -diplomacia de libro-, hablaron de problemas comunes, como la inmigración -curiosamente ahora...