A Deputación aprobou as bases do Plan Único 2020, cun orzamento inicial de 47’2 millóns de euros

29 Outubro 2019

O pleno da Deputación da Coruña aprobou as bases reguladoras do Plan Único do vindeiro ano (POS+2020), o cal distribuirá inicialmente 47’2 millóns de euros entre os concellos coruñeses. O punto saíu adiante cos votos favorables de PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños, así como a abstención do PP.

Trátase da achega inicial do Plan Único 2020, que como tódolos anos irá incrementándose progresivamente ao longo do exercicio coa incorporación de remanentes, pero permite aos 93 concellos da provincia planificar os seus orzamentos municipais e investimentos de cara ao vindeiro ano, ao contar xa cunha previsión mínima de ingresos por parte da institución provincial que poderán destinar, en función das súas necesidades, á execución de obras, ao financiamento de parte do gasto corrente dos seus servizos básicos ou a sanear as economías municipais amortizando débeda con provedores ou entidades bancarias.

A asignación para os municipios de Arousa Norte comporta un total de 2.495.520’68 euros, correspondéndolle 888.334’26 euros a Ribeira, 385.261’27 euros á Pobra do Caramiñal, 736.196’98 euros a Boiro e 485.728’17 euros a Rianxo. A contía inicial diminuíu respecto á achega inicial do plan no anterior exercicio, o cal distribuía 61’5 millóns de euros entre os concellos da provincia da Coruña e, concretamente, 3.337.100 euros en Arousa Norte: Ribeira (1.266.747’43 euros), A Pobra do Caramiñal (506.438’15 euros), Boiro (901.098’77 euros) e Rianxo (662.815’65 euros). Finalmente, o orzamento do Plan Único 2019, alcanzou os 100 millóns de euros, traducíndose en maiores asignacións aos municipios.

O Plan Único, creado en 2017 polo Goberno provincial que preside Valentín González Formoso, unifica os antigos plans de investimentos da Deputación da Coruña e 11 liñas de subvencións nunha única convocatoria anual. Desde a institución provincial sinalaron que permite aos concellos non só unha mellor planificación, senón maior axilidade na tramitación, máis autonomía local para decidir en que invisten os fondos provinciais e total transparencia na asignación de recursos, pois os fondos do POS+ distribúense en base a criterios obxectivos como a poboación, superficie, número de parroquias e esforzo fiscal de cada concello.

Como novidade, as bases deste ano permiten, por primeira vez, que os concellos en situación de risco financeiro -cunha débeda viva superior ao 200% dos seus ingresos correntes- podan destinar ao financiamento dos seus gastos correntes a totalidade dos fondos que perciben do Plan Único, a excepción dos fondos de préstamo, que só poden ser destinados a investimento ou amortización de débeda.

Os 93 concellos da provincia dispoñen ata o 19 de decembro para solicitar á Deputación os proxectos que queren financiar con cargo ao POS+2020.

Ademais de contribuír a mellorar e renovar as infraestruturas municipais financiando un total de 1.697 obras nos 93 concellos da provincia, o Plan Único, en tres anos, permitiu aos concellos amortizar 10’78 millóns de débeda cos bancos e a pagar aos seus provedores débedas por importe de 7’84 millóns de euros, segundo explicou o voceiro do Goberno provincial, Bernardo Fernández.

A institución provincial manifestou que, desde a creación do Plan Único, diminuíron nun 77% as peticións para amortización de débeda -pasando de 5’4 millóns en 2017 a só 1’2 millóns en 2019- e nun 65% no caso das solicitudes para pago a provedores.

Por outra banda, os investimentos seguen incrementándose, pasando de 509 obras no POS+2017 ás máis de 700 obras no POS+2019.

O voceiro do PSdeG-PSOE, Bernardo Fernández, destacou que o plan demostrou ser un “instrumento útil” para os concellos, xa que “a realidade constatou que os concellos coruñeses reciben agora co Plan Único máis fondos dos que recibían antes”, ademais de agradecer “o cambio de ton do PP” con respecto ao plan. Fernández apuntou que “o espírito do Plan Único é que os concellos decidan en que queren investir os fondos que lles achega a Deputación e que estes cartos se distribúan en base a criterios obxectivos e non partidistas.”

Pola súa banda, o vicepresidente Xosé Regueira subliñou que se trata dun “plan dinámico”, que incrementa os fondos ao longo do exercicio e transfire directamente aos concellos cada ano ao redor da metade do orzamento total da Deputación. Neste senso, Regueira puntualizou que, aínda que o Plan Único de 2020 parte con millóns de euros menos que o ano pasado, os feitos demostran que “canto menos foi a achega inicial do plan, maior foi o investimento final”. Así, indicou que o POS+2019 “comezou con menos fondos que en 2018 e rematou cun investimento de máis de 100 millóns de euros, o maior ata o momento.”

Na súa intervención, o voceiro do PP, Evaristo Ben Otero, lembrou que os fondos de préstamo aos concellos para a redución de débeda comezaron en anteriores mandatos do Plan de Aforro e Investimento (PAI) e “non ten sentido que se inclúan nun plan de obras.” O voceiro popular tamén pediu “eliminar a burocracia na maior medida posible” e que as baixas das licitacións das obras sexan xestionadas directamente polos concellos.

Outros artigos

“Todas as culpas recaen en Pedro Sánchez”. Antón Luaces

Dí o PP que Pedro Sánchez "non quere un Rei preto do pobo; o PP, sí". Segundo fontes do partido, o PP vai exercer presión parlamentaria no Congreso para esixir explicacións ao Goberno e a visita do presidente de Ceuta ao palacio de Marivent , residencia vacacional dos...

+

“Detrás do manto de poder”. Luís Celeiro

Que estará pasando para que ninguén, nin os máis listos, saiban nada do que pasa. Un deputadogalego, despois dunha crise política que se cargou a parte do goberno autonómico, dixo coa man nopeito, do lado do corazón, aquí, “pasou o que pasou”. Todos o entenderon....

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“12 de agosto de 1975”. Xosé González Martínez

“12 de agosto de 1975”. Xosé González Martínez

Sempre tiven curiosidade pola etimoloxía da nosa onomástica. Pero tamén polosalcumes, para coñecer as razóns que os motivaron. De aí que sexa un atento lector dostextos das esquelas que se publican nos xornais.O mes de agosto sempre foi un mes moi festeiro. Por estas...

“El rey ausente” – Manuel Domínguez

“El rey ausente” – Manuel Domínguez

El rey ausente. Los muertos son números que forman parte de una estadística. ¿Números? Si. Si muere en el exterior, es el número del pasaporte, si muere en el hospital en número de la seguridad social, si muere en casa el número del DNI. Los 100 muertos en el mar,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.