
20191021. O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe a Asociación Amicos, a cal está executando un proxecto de voluntariado xuvenil no que participan oito mozos e mozas. Dito plan ten como obxectivos o apoio para a integración social e rehabilitación de xoves con discapacidade intelectual.
A vicepresidenta de Amicos, Digna Iglesias, foi a encargada de abrir a sesión, dando a benvida aos presentes, así como poñendo en valor a estes oito voluntarios e voluntarias, “persoas que axudan a persoas”, tal e como apuntou.
Así mesmo, o director xeral da asociación, Xoán España, salientou a importancia de continuar con estes proxectos.
Pola súa parte, Ovidio Rodeiro agradeceu aos participantes o seu esforzo voluntario e animounos a continuar desenvolvendo proxectos deste tipo, “xa que a participación xuvenil conleva o desenvolvemento de valores tremendamente positivos, como son o traballo en grupo, a responsabilidade, a comunicación, o sentido da iniciativa e a autoconfianza.”
O delegado tamén quixo destacar que o Voluntariado Xuvenil da Xunta foi o primeiro programa en toda España en apostar polo compromiso social directo da mocidade e que, ademais, “os participantes reciben unha certificación oficial da experiencia adquirida a través do voluntariado, algo cada vez máis valorado polas empresas no momento de optar a un posto de traballo.”
Neste encontro, Macarena fixo referencia ás actividades de inclusión que fai como voluntaria, especialmente a través do programa patios dinámicos, onde fomenta un recreo inclusivo nos centros escolares mediante o xogo. Tamén aludiu á súa participación en actividades de prevención da violencia de xénero. Outro dos participantes, Yassim, falou sobre as actividades de voluntariado medioambiental, xornadas onde coñeceu a moita xente de diferentes lugares coa que compartir novas experiencias. En relación a isto, sinalou que “voluntario é aquel que axuda aos demais sen recibir nada a cambio.” Manuel comentou a súa participación facendo referencia ao ciberacoso e, incluso, deu uns consellos aos presentes para usar as redes sociais.
Tras esta mesa de conversa, os voluntarios e voluntarias quixeron desenvolver co delegado territorial unha das actuacións enmarcadas no programa. Neste senso, realizaron unha xornada de patios inclusivos xogando ao pano e á pita cega.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado día 15 publicou a resolución desta orde, mediante a cal a Consellería de Política Social financia 73 programas de acción voluntaria en concellos e entidades vinculados á promoción do voluntariado xuvenil, 35 deles na provincia da Coruña.
O Goberno galego destina 405.000 euros para que as entidades e concellos poñan en marcha estes proxectos, que están protagonizados por mozas e mozos galegos de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, desenvolvéndose entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro deste ano. Do importe total desta convocatoria, 195.000 euros están destinados ás actividades de concellos e 210.000 para as entidades de acción voluntaria. Das 73 axudas concedidas, 44 son a entidades, 27 a concellos e dúas son concesións conxuntas.
Fináncianse actividades relacionadas co Camiño de Santiago; coa recuperación da cultura, o arte e as tradicións populares galegas; actividades con colectivos en situacións de risco; iniciativas destinadas á mocidade, relacionadas coa igualdade de xénero; coa posta en valor do medio rural; destinadas ao benestar das persoas maiores e a posta en marcha de programas de voluntariado no ámbito familiar por parte de entidades. A elas súmaselles este ano as accións relacionadas co Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.