Viladomar situou Rianxo na vangarda da pintura urbana

17 Setembro 2019
A moza que nos mira dende o centro social de Araño

20190917 Finalmente a segunda edición do festival Viladomar foi o que se agardaba: un fervedoiro de propostas artísticas para darlle unha viraxe á fasquía visual do concello de Rianxo e cuxo resultado final expandiu a folla de ruta orixinal até os límites dunha jam session musical aplicada á arte dos murais e o grafiti. Resumindo: Viladomar foi o que se agardaba e máis. Entre os extras figuran traballos como a intervención da ponte peonil do esteiro do río Te ou o lavado de cara efectuado no muro da Ribeira que lindaba co antigo bar Lúa.

O mural de Castelao preto do porto

No festival, organizado novamente pola asociación Ondiñas Mainas de Rianxo co apoio do Concello e a Deputación da Coruña, participaron artistas como a lucense Doa (que traballa na Casa da República de Isorna, dotándoa de fermosos motivos vexetais), Sokram, Mou (Ordes), Nana (Ordes), Nove Noel ou Miguel Peralta (Cestola na Cachola), xunto co rianxeiro Vicente Batalla (o responsábel da impresionante balea azul e doutras criaturas mariñas, luras e chinchóns, que cobren, a partir de agora, os muros de Tanxil).

Un intre de descanso durante os traballos para adobiar o muro do Polideportivo

O obxectivo do festival, que na práctica aínda non rematou (posto que parte das obras requirirán aínda traballos que as vaian ultimando), foi situar a Rianxo como referente comarcal e galego en materia de arte urbana, un obxectivo que para a organización, e tamén para unha parte moi relevante da cidadanía, está máis que conseguido.

O bateeiro intervido

Os traballos leváronse a cabo en múltiples emprazamentos. Por exemplo nos centros sociais de Isorna e Araño (a moza que nos mira entre dentes de león e outras plantiñas), e máis nos muros da praia de Tanxil. A estes emprazamentos engadíronse outros recantos sorprendentes e non agardados, como os piares da ponte peonil no esteiro do río Te, que foi decorada cunha paisaxe máxica das nosas rías, ou un barco bateeiro que se prestou para a ocasión deixándose levar pola inspiración colorista de Nove Noel, ou o edificio particular próximo ao auditorio que fará gala, para as xeracións vindeiras, dun abraiante retrato de Castelao. A todo isto cómpre engadir o impresionante labor de Mou e Sokram no valado externo do Polideportivo de Rianxo.

Outros artigos

Rianxo ten unha taxa de paro do 3,46%

O Concello de Rianxo fixo un breve balance das cifras de desemprego no termo municipal, baseado nos últimos datos publicados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia. En base a esta información Rianxo pechou o 2024 con 372 persoas en...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión