
20190910 Novamente Rianxo atópase entre os concellos que van participar na nova edición da Limpeza Simultánea de Ríos, a convocatoria número doce da quedada colectiva (ecolóxica, divulgadora e mobilizadora) para limpar os nosos cursos fluviais de todo aquilo que non debera acharse neles (principalmente, refugallos e lixos diversos de procedencia humana, dende toalliñas húmidas até electrodomésticos, pasando por restos de obras, pneumáticos, baterías ou envases plásticos). A cita simultánea (na que participan centos de persoas e concellos de toda a nosa xeografía) será o 29 de setembro.
As voluntarias e voluntarias de Rianxo actuarán de novo no río Te, que o ano pasado foi incluído no labor de limpeza multitudinaria e simultánea. Nela, segundo fai saber a asociación ADEGA no seu balance 2018 (en PDF), tiveron parte activa 10 voluntarias/os, que recolleron uns 25 quilos de residuos.
Como dixemos, o domingo 29 de setembro é a data na que se realizará a actividade deste ano. Para participar podemos unirnos a algún grupo organizado preto do noso concello ou ben promover a limpeza nun río actuando de coordinador/a. No caso da actividade de Rianxo, o contacto para a xeira de limpeza é o voluntario Quique.
Para máis información sobre as citas programadas (e as que están por programar, posto que é ben posíbel que haxa incorporacións, de Barbanza e do resto da xeografía galega), cómpre visitar a web de Proxecto Ríos.
O Proxecto Ríos é unha iniciativa de Educación e Voluntariado Ambiental promovida por ADEGA e financiada por Augas de Galicia e o Instituto de Estudos do Territorio. A finalidade deste programa é dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.