
20190904. O pasado venres remataron os campamentos de verán de 2019 no concello de Boiro. Case 250 nenos desfrutaron durante os meses de xullo e agosto dun programa que incluía actividades moi variadas coma manualidades, lectura, festas de diversa temática e moitos xogos cos que divertirse ao tempo que se aprende.
En Cabo de Cruz, os 40 nenos de entre 3 e 12 anos inscritos no ‘Multiobradoiro verán 2019’ gozaron dunha mañá de disfraces e unha merenda coa que puxeron fin a un verán cheo de actividades. Unha festa que concluíu coa entrega de diplomas a cada un dos cativos pola participación no campamento.

En Boiro os inscritos no campamento de A Cachada tamén se despediron cunha festa e unha merenda do campamento de verán 2019. Os case 200 nenos e nenas traballaron en diferentes temáticas co obxectivo de coñecer o entorno máis próximo ao longo da época estival. Deste xeito, os cativos realizaron actividades ao redor das materias do mar, a terra e a cultura tradicional galega para aprender á vez que realizaban manualidades, xogos e visitas polo municipio.
Os campamentos urbanos do Concello de Boiro son unha alternativa para que as crianzas desfruten e aprendan durante as vacacións. A concelleira de Cultura e Educación, María Outeiral, mostrouse satisfeita co traballo realizado polos monitores que “se involucran en facer actividades didácticas para que os nenos desfruten e aprendan á vez que se axuda á conciliación laboral e familiar dos pais.”
