
20190927. A Pobra do Caramiñal celebrou na tarde de onte o pleno ordinario correspondente ao mes de setembro. Entre os asuntos que saíron adiante coa aprobación por unanimidade figuran o nomeamento da xuíza de paz Elena García Olveira; a aprobación de modificación do prezo público para asistencia ao curso de monitor/monitora de tempo libre; a proposta de declaración institucional con motivo da emerxencia climática; a moción do PP para o arranxo de camiños no municipio; a emenda presentado por Nós Pobra á moción do PP para intervir en varias vías do concello; a emenda de Nós Pobra á moción do BNG sobre a limpeza de rúas e emprazamentos; e a proposta relativa a un crédito para financiar a achega do Consistorio a unha subvención do Plan RehaVIta, cun total do proxecto que ascende a 40.000 euros, dos que o Concello porá 25.000 euros.
O punto referente ao nomeamento da concelleira de Nós Pobra, Estefanía Ramos, como representante nos órganos colexiados saíu adiante cos votos a favor de Nós Pobra, BNG e PSdeG-PSOE, mentres que o PP abstívose.
Tamén se estableceron os festivos locais para o ano 2020, correspondéndose coas festividades do Carme dos Pincheiros, o 17 de agosto, e do Nazareno, o 21 de setembro, proposta que foi aprobada cos votos a favor de tódolos grupos municipais, exceptuando o BNG que se abstivo.
Por outra banda, saíu adiante a moción do PP, cos votos a favor dos populares e a abstención do resto de forzas, para instar ao ingreso dos recursos que lle pertencen ao Concello pobrense por parte do Estado; mentres que a emenda presentada polo BNG a este respecto non saíu adiante, pois só contou coa consideración favorable da súa formación, os votos en contra do PP e a abstención de Nós Pobra e PSdeG-PSOE.
Ademais, a moción do BNG sobre a derrogación da LOMCE e a adopción de medidas que garantan a igualdade de oportunidades foi aprobada cos votos a favor de tódolos partidos, agás o PP que votou en contra.
Así mesmo, deuse conta de diversas cuestións coma o comezo para a vindeira semana das obras no Auditorio do Museo Valle-Inclán co obxectivo de proveer á instalación dun baño accesible; a dotación de saneamento en dous lugares pobrenses; e o remate próximo das actuacións no centro social do Vilariño e da Casa da Mocidade, entre outras.
Por último, os edís nacionalistas Ramiro Ouviña e Cristina Andrade comunicaron a súa renuncia.