Ramiro Ouviña e Cristina Andrade renuncian como concelleiros do BNG pobrense

20190910. Nun acto que contou coa presenza da militancia da formación nacionalista na Pobra do Caramiñal, o voceiro Ramiro Ouviña anunciou que tanto el coma a súa compañeira de partido Cristina Andrade presentaban a súa renuncia como concelleiros na corporación pobrense. Así mesmo, manifestou que se procedeu á renovación na asemblea, cambios que serán comunicados proximamente. Do mesmo xeito, aproveitou para expresar o seu agradecemento “non só á confianza dos nosos compañeiros e compañeiras, senón ao pobo, á cidadanía que nos amosou un día tras outro nestes catro anos.” Esta decisión vén dada polo exercicio de análise tralos resultados electorais municipais do mes de maio. Ouviña tamén avanzou que os cargos serán ocupados nas próximas semanas por Xabier Santos e Amparo Cerecedo, unha vez se presente de xeito oficial a renuncia no Concello e se realicen os trámites oportunos.

Xabier Santos agradeceu o traballo feito que “moitas veces a xente non é consciente diso”, sinalando que estarán a disposición de toda a veciñanza para o que precisen.

Pola súa parte, Amparo Cerecedo indicou que “é todo un honor que todos os nosos compañeiros, os que hoxe están aquí e os que por motivos laborais non poden estar, que nos escolleran para representar ao BNG no Concello da Pobra do Caramiñal.” Cerecedo, quen será tamén voceira do grupo municipal, expresou que “lle poñemos moitísimas ganas e moitísima ilusión nesta nova andaina política.”

O período de deliberación supón uns cambios non só a nivel institucional, senón tamén a nivel orgánico e nas dinámicas de traballo. Desta maneira, o venres 20 celebrarase no local da formación unha asemblea aberta, onde se dará a coñecer todo o labor desenvolvido ao longo dos meses, servindo como “punto de reflexión colectiva para os pasos que temos que continuar.” Paralelamente, a partir da próxima semana empezarán a manter xuntanzas con tódalas forzas políticas e colectivos co obxectivo de presentar aos novos edís. Ademais, o local permanecerá aberto das 11.00 ás 13.00 horas dos luns, mércores e venres, con horario flexible, para atender dúbidas e consultas da cidadanía. Amparo Cerecedo rematou a súa intervención precisando que “isto supón un novo impulso a todo o traballo que leva feito o BNG xa ao longo de todos estes anos na corporación municipal e que vai exercer como sempre o fixo, dunha maneira xenerosa, pero tamén contundente e responsable.”

Fortes e Cerecedo amósanse optimistas cos esta nova etapa, lembrando que os pasados comicios municipais arroxaron “uns resultados paradóxicos porque o BNG si tivo unha perda de votos, pero nunca nos anos que levamos neste Concello estivemos en mellor posición para a gobernabilidade responsable da nosa vila.”

Amparo Cerecedo, veciña do Caramiñal, dedícase ao ensino non regrado e está ligada ao tecido social e comercial da vila. Foi concelleira do BNG na corporación municipal da Pobra do Caramiñal desde o 2007 ao 2015.

Xabier Fortes, veciño de Santa Cruz, é mestre e conta cunha longa militancia dentro da formación nacionalista.