20190930 Activistas medio-ambientais de todo Barbanza e do resto do territorio galego participaron este sábado 28 nunha nova xeira de traballo das Brigadas Deseucaliptizadoras que teñen o seu principal radio de acción (aínda que non o único) na aldea de Froxán, no concello de Lousame. A xeira deste sábado foi unha xornada para lembrar, non só porque coincidiu coas mobilizacións globais da Semana Internacional de Acción polo Clima senón tamén polo relevante número de participantes que xuntaron forzas nos montes de Barbanza: chegouse ao medio cento de persoas voluntarias. En total, as Brigadas son xa un relevante colectivo formado por 600 activistas.
Na xeira deste sábado era xa a cuarta vez que se actuaba sobre determinados terreos de Froxán, machacando os últimos rebrotes de eucalipto. Amais, o labor concentrouse na recuperación dunha turbeira drenada polos Servizos Forestais nos anos 1970 na Área Conservada pola Comunidade Veciñal de Froxán. Segundo lembraba os días pasados Verdegaia, “as turbeiras representan importantes reservorios de carbono e a súa continuada destrución e degradación contribúe para a emisión de CO2 á atmosfera”.
As Brigadas
En abril de 2018 nacían da man da asociación ecoloxista Verdegaia as Brigadas deseucaliptizadoras, unha iniciativa de voluntariado ambiental para recuperar a biodiversidade e combater a eucaliptización do país fraguada durante a vaga de lumes do ano anterior. Segundo informa o colectivo medio-ambiental Verdegaia, en pouco máis dun ano, o proxecto alistou a máis de 600 brigadistas e unha ducia de zonas de intervención que representan máis de 1.000 hectáreas.
O Monte Veciñal en Man Común de Froxán, en Lousame, foi distinguido pola ONU como Área Conservada por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais. Segundo lembra o colectivo de voluntarias, logo dunha ducia de intervencións no seu territorio, a transformación da contorna xa se percibe a simple vista, co desbote do eucaliptos e a recuperación de turbeiras, zonas húmidas, carballeiras e patrimonio cultural.
Froxán é só un dos montes no que veñen actuando as Brigadas de forma continuada, aos que hai que sumar outros por todo o territorio: desde Ferrol a Corcubión ou Dodro, na provincia da Coruña; Cotobade ou Pazos de Borbén en Pontevedra, e Cenlle, Beade ou Verín na de Ourense (nestas últimas, centrándose os esforzos no combate á mimosa).