
20190911. Comezou a súa carreira en Estados Unidos, onde logrou as críticas favorables de publicacións coma The New York Times. A súa primeira exposición en España foi na Casa de Galicia, en Madrid, nos anos 90 e, posteriormente, chegoulle a oportunidade de facelo na Casa da Parra, en Santiago. Outros dos países que acolleron as súas obras foron México e Canadá. Deste xeito, a arte de Manuel Ayaso (Aguiño, 1934) fíxose internacional. Agora prepara a súa próxima mostra en La Catedral, Lugo, do 27 de setembro ao 5 de novembro, con pinturas que supoñen un cambio, liberándose do tenebrismo a través de cores cálidas e intensas. A lúa e o mar están presentes en todas elas. E nós tivemos a sorte de ser dos primeiros en contemplar, despois do seu círculo máis próximo, algúns dos seus últimos traballos.
-Marchou a Estados Unidos sendo un cativo. Como se introduciu no mundo da arte?
“Cando me fun con trece anos, fun á escola primaria e logo fun a unha escola que se dedicaba á arte e música que era un tipo de bacharelato especial. Alí estiven catro anos e, ao terminar, gañei a primeira beca de pintura para seguir estudando outros catro anos na Newark School of Fine and Industrial Art. E así empezou a miña carreira coma artista. Cando estaba na escola de arte chamáronme para ir á Guerra de Corea, pero deixáronme rematar e, cando acabei, xa finalizara. Despois, aos seis meses, presentaron uns traballos meus e déronme o título de ilustrador para o xeneral do terceiro exército de Atlanta, en Georgia. Entón estiven alí cerca de dous anos facendo toda a publicidade con outros compañeiros.”
-Que técnicas pictóricas traballou ata atopar o seu ‘camiño’?
“Primeiramente aprendes a debuxar a lapis, a carboncilllo, acuarela, en óleo… Na escola aprendes as técnicas básicas da arte. Incluso che ensinan a facer gravado, escultura… Pasas por unha etapa de catro anos con xente profesional que che ensina trucos que hai e despois, pouco a pouco, vas aprendendo ti tamén, vas descubrindo cousas que outros non fan. O mundo da arte é encontrarse e buscar unha maneira de ser diferente aos demais, crear un estilo propio que é o principal.”
-A súa obra denota surrealismo e destaca polo emprego de cores escuras. En que se inspira?
“Encontreime ao ver as pinturas negras de Goya, O xardín das delicias de Bosco e o Pórtico da Gloria de Santiago. Ademais, fun criado nas supersticións, nestas cousas das meigas, dos defuntos, dos desaparecidos… Levaba todo iso na cabeza de rapaciño. Se miña avoa me mandaba a calquera recado e era noite, dicíame que viñera rápido que me podían aparecer os mortos. E tódolos días había un enterro, especialmente meniños. Despois, de chaval, estiven moi enfermo. Tiven unha pleura mal curada e quedou en tuberculose. De noite tiña febres e unhas veces parecía que era un monstruo e outras que era unha cousa pequeniña. Leváronme a Tállara, a San Campio, á Lanzada porque disque estaba endemoniado. Tamén fun criado ata os doce anos con escapularios. E dunha volta, en Nova York, coñecín a Salvador Dalí e aconselloume que se era galego tiña que facer cousas de Galicia. Todo iso fíxome pensar e de aí sae a miña obra. Agora pasou unha cousa moi interesante. Eu tiña unha exposición xa preparada para a galería que me representa que é La Catedral, en Lugo, e desgraciadamente morreume un fillo dun accidente de tráfico en Estados Unidos. O meu fillo sempre me dicía: ‘papi, tes que liberarte, tes que facer esas cousas, pero máis grandes e con moita máis cor’. Entón a exposición que vou ter agora no mes de outubro en Lugo, voulla dedicar a el. En marzo empecei a traballar en madeiras e fixen coma sesenta obras, traballando case día e noite. E desa obra escollín trinta e sete que son o mesmo tema, pero liberándome do tenebrismo coa cor, con máis forza. É Ayaso, pero é diferente.”

-Que artistas influíron nos seus trazos?
“En principio, o que máis me influíu foi Goya e o Bosco, pero tamén Picasso. É un home que pasou por tantas épocas diferentes… É coma dez Piscassos, nun Picasso. Todo o que fai, ao final é el. Fai unha obra, desfaina, vólvea facer. Para min é o pai da pintura moderna.”
-Polo tanto, como describiría o seu estilo?
“É un surrealismo expresionista.”
-O groso da súa obra son gravados, por que esta predilección?
“Fago moito gravado porque a min o debuxo e a obra gráfica gústanme moito. A min a finura da liña encántame.”
-Nunha traxectoria tan prolífica, cantas obras pode ter realizado?
“Tres mil ou catro mil obras.”
-Canto tempo lle pode levar realizar unha?
“Unha técnica que é a que máis me gusta a min e onde mellor me expreso é acuarela con punta de prata. Algunha desas obras lévame dúas semanas, tres semanas, un par de meses. Son obras de moita delicadeza, de moito traballo.”
-Quedoulle o anhelo de explorar outras técnicas?
“O artista cada día que vive sempre pensa que a obra mellor que vai a facer é no futuro e non se sabe. Picasso tiña unha frase moi bonita. Preguntáronlle se sabía o que estaba facendo e dixo: ‘non, eu non sei o que estou facendo, o día que o saiba terminarei’. O artista sempre pensa que vai ir a mellor e así o desexo.”
-Postulado en numerosas ocasións para Medalla Castelao e nomeada a Casa da Cultura de Aguiño na súa honra. Como sinte estes recoñecementos?
“Coma calquera persoa normal, sénteste orgulloso de, especialmente no pobo onde naceu un, recoñecer o traballo que un fai. Estou encantado. E Salvador Dalí tiña unha frase moi bonita que dicía: ‘de min escribide o que queirades, ben ou mal, pero escribide’. O caso é estar diante do público e da xente. Pero o mellor é que escriban ben.”
-A arte, traballo ou afección?
“Para un artista é a vida del. O día que eu non traballo, non estou contento. Agora non tanto, pero teño épocas de non crear tanto e deprimirme. Pásalle a todo o mundo. Neste momento levo unha tempada bastante fértil. O artista ten que traballar tódolos días porque o levas dentro. Telo que facer para satisfacer a túa maneira de ser. Telo que expresar e botalo para fóra. Eu estaba na escola en Aguiño e debuxaba os barcos, copiaba a Murillo… Sempre quixen ser artista sen saber despois no que me metía porque ao meu pai dixéronlle uns amigos: ‘disque teu fillo quere ser pintor, pero vai a morrer de fame’. E dille meu pai: ‘pero vai a morrer contento’.”

-Desde hai anos aparecen cada vez máis espazos destinados a exposicións, xente que se dedica a ensinar pintura e debuxo, etcétera. É isto un reflexo dunha mellor valoración desta actividade ou queda moito por avanzar?
“A xente está máis preparada. Na nosa zona temos xente coma Xoán Fernández, Crusat, Antonio Pérez, Maralla… Aquí hai un talento tremendo. Nunca houbo oportunidades e agora, por exemplo, se un rapaz quere pintar pode ir a unha escola de arte de Pontevedra.”
-España e Estados Unidos, ambos importantes para vostede. Apréciase a arte de xeito distinto?
“Non. O entendido cando ve unha cousa sabe as influencias que tivo o artista. E España ten moita máis historia da arte que Estados Unidos. España deu pintores que son do mellor que hai no mundo.”
-En Arousa Norte existe bastante actividade no eido artístico e hai unha ampla canteira. Que opinión lle merece?
“Véxoo moi ben e contentísimo. Por exemplo, durante a Festa da Dorna puxeron tódalas tendas unha obras marabillosas. A min doáronme unha. Unha cousa preciosa.”
-Un pintor do pasado e outro do presente.
“Do presente, Antonio López García e, do pasado, Velázquez.”
-Se lle digo: ‘traballar por amor ao arte’, que lle vén á cabeza?
“As palabras mesmo o din. Telo que facer porque estás namorado do que fas e, se non o fas, non te sentes ben.”