20190904. Unha ducia de funcións contacontos e outras actividades infantís servirán durante os meses de setembro e outubro para dinamizar a biblioteca pública municipal de Ribeira. No día de hoxe este programa foi dado a coñecer no Centro Cultural Lustres Rivas nunha presentación na que participaron a concelleira de Educación, Juana Brión; a responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Alicia Padín; e Ana Ruiz, concelleira de Igualdade. A presenza desta última edil xustifícase porque un bloque dos eventos programados está dirixido especificamente a educar en valores e contra a violencia de xénero.
Para esta extensa programación cóntase co apoio da Xunta de Galicia por medio da Rede de Bibliotecas de Galicia co programa ‘Ler Conta Moito’, que inclúe accións concretas que atenden ao Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.
Unha destas accións, A mirada inclusiva da escritora Eli Ríos, desenvolverase no Espazo Xuvenil na fin de semana da súa reapertura, o sábado, 21 de setembro, ás 18.00 horas, na procura da loita contra a violencia de xénero tamén por medio da lectura xa que a Biblioteca colabora co Espazo Xuvenil trasladando fondos para que as mozas e mozos os teñan á man.
A Rede de Dinamización Lingüística, da que forma parte o Concello de Ribeira, está tamén nesta programación. O traballo pola dinamización do uso da lingua galega céntrase nunha especial reflexión contra a violencia de xénero coa obra de teatro dirixida ao público infantil Mai Mai de Baobab Teatro que se representará no Auditorio Municipal o día 14 de setembro, ás 19.30 horas. E a programación de outubro rematará, o sábado 26, ás 12.00 horas, cunha ‘Festa da Lingua Galega’ para celebrar a nosa fala.